Novas

  

O BNG denuncia o recorte de 61 millóns de euros de axudas aos concellos para políticas de emprego e contratación de persoas no paro.

Porto do Son, 29 de xuño 2012.- O BNG do Son presentou no Concello unha moción para denunciar que a Xunta ten recortado en 61 millóns de euros as axudas ás corporacións municipais para políticas de emprego e para a contratación de paradas e parados (ver DOG do 15 de xuño).

A portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco, manifestou que "esta drástica redución dos fondos públicos aos concellos para combater o paro é especialmente antisocial nun momento en que, precisamente a consecuencia das políticas despregadas polo PP en Galiza, o paro no noso país medra a un ritmo superior do que no Estado".

"Cómpre lembrar que cando chegou Feijóo ao poder na Xunta de Galiza a taxa do desemprego no noso país estaba situada no 12 por cento. Neste momento, supera o 20 por cento, récord histórico", engadiu a portavoz do BNG.

Ademais, Ánxela Franco dixo que "neste contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas en servizos municipais".

Hai que dicir que a parte do león do recorte, 33 millóns de euros, ía destinada ás axudas aos concellos para a contratación de persoas desempregadas en distintos servizos municipais tais como a axuda ao fogar ou as brigadas municipais.

Con esta moción, o BNG, alén de denunciar o drástico recorte, pide ao Concello que inste á Xunta a dar marcha atrás nesta nova tesourada e a garantir o financiamento que até o de agora permitía o desenvolvimento destas políticas activas de emprego. E, a maiores, que a Xunta solicite ao Goberno do Estado o mantimento dos fondos que se destinan á Administración galega para o sostimento das políticas activas de emprego.

Finalmente, Ánxela Franco declarou que "o Partido Popular, portanto, insiste en políticas contrarias ás maiorías sociais e contrarias a calquera hipótese de saída xusta da crise. Non só recorta as axudas para a creación de emprego, senón que, mediante a contrarreforma laboral, ten abaratado o despedimento, o que até agora se ten traducido, como advertía o BNG, nun brutal incremento do desemprego tanto en Galiza como no Estado".

Achegamos copia da moción presentada e cadro coa reducción das partidas das políticas de emprego 2012. [+]


Día Internacional da Liberación LGBT: o BNG presenta unha moción para pedirlle á Xunta que combata a homofobia.

Porto do Son, 29 de xuño 2012.- O 28 de xuño é o Día Internacional da Liberación LGBT (lesbianas, gais, bisexuais e transexuais) motivo polo que o BNG do Son presentou unha moción no rexistro do concello, para ser debatida no vindeiro pleno ordinario, no que se solicita á Xunta de Galiza que combata a homofobia. [+]


O BNG rexistra unha moción a favor da BANCA PÚBLICA GALEGA e dun referendo ante o rescate que significa un "roubo ao pobo".

Porto do Son, 22 de xuño 2012.- O BNG de Porto do Son vén de rexistrar no Concello unha moción a favor da constitución dunha Banca Pública Galega e para que se convoque de inmediato un referendo que permita á cidadanía pronunciarse ante un rescate ao Estado español que significa un "roubo ao pobo".

A portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco, manifestou que "en realidade, o que se vai rescatar son os bancos -únicos beneficiarios desta operación- e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego".

"É por isto que a única alternativa para salvar o aforro galego, e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en Novagaliciabanco", engadiu a portavoz do BNG.

Asemade, Ánxela Franco, manifestou que "queremos que se rescate ás miles de persoas afectadas pola estafa das preferentes, así que con esta moción demandamos unha solución para elas. Solución que non pode ser outra que a da restitución até o último céntimo de todos os seus aforros. Se hai 100.000 millóns de euros para rescatar a banca, debe haber, de existir vontade política, capacidade económica máis que de abondo para devolver o estafado ás vítimas desta xigantesca fraude".

A depuración das responsabilidades ás que houber lugar polo enorme burato deixado na economía polos xestores do sistema financeiro atopa tamén acomodo na moción do BNG que demanda a creación de comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. Até agora foron vetadas por un PP que claramente ampara os responsábeis dunha catástrofe financeira que, rescate á marxe, xa lle ten custado ao contribuínte 118.000 millóns de euros (máis de dúas veces o PIB galego!!!).

A moción tamén se preocupa do impacto que a nova restruturación financeira imposta polo rescate vai ter no cadro de persoal de Novagaliciabanco e na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural. Neste sentido, o BNG demanda a adopción de medidas políticas que permitan que non se destrúa nin un só posto de traballo máis no sistema financeiro galego e se preste atención adecuada aos clientes.

  [+]


PARTICIPACIÓNS PREFERENTES, unha estafa!

Porto do Son, 20 de xuño 2012.- O BNG de Porto do Son convida a todos os interesados ao acto sobre as participacións preferentes que se vai a celebrar o vindeiro venres, 22 de xuño, en Noia. [+]


A comarca de Muros-Noia vai perder o servizo de oficina liquidadora de taxas e impostos.

Porto do Son, 19 de xuño 2012.- O BNG vén de presentar no rexistro do concello unha moción, para ser debatida no vindeiro pleno ordinario, para instar á Xunta de Galiza a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, e para que se renoven os convenios asinados até agora.

O Rexistro da Propiedade de Noia deixará de prestar o servizo de oficina liquidadora de diferentes taxas e impostos a partir do 1 de xaneiro de 2013, xa que a Xunta de Galiza non procederá á renovación do convenio en virtude do cal prestaba este servizo. A través desta oficina realízanse todas as xestións relacionadas con sucesións, transmisións, actos xurídicos documentados, societarios, etc., ademais da correspondente liquidación das taxas e xestións como as relacionadas coa interposición de recursos de reposición, comprobación de valores, notificacións ou requirimentos ás persoas interesadas, entre outras. Ademais, a existencia nas mesmas de persoal especializado no ámbito do dereito civil, propiedade, etc. permite prestarlles ás persoas do ámbito de actuacións no que se atopa o noso concello, servizos de información e asesoramento ao tempo que actúan como arquivos de documentos e escrituras privadas. Hai que ter en conta que en Galiza non hai tradición de escritura pública polo que resulta moi importante o labor de arquivo de escrituras privadas que veñen realizando estas oficinas, xa que arquivan un exemplar de cada documento privado que é obxecto dalgún trámite nesa oficina e queda alí para o futuro; podendo as persoas interesadas acudir en caso de extravío ou para futuras partillas de persoas herdeiras.

De proceder por parte do goberno da Xunta de Galiza á desaparición destas oficinas liquidadoras o Rexistro da Propiedade de Noia pasará a ser mero receptor, obrigando aos veciños e veciñas interesadas en acudir a Santiago para realizar o resto dos trámites relacionados coa liquidación, ademais de perder o restos dos servizos que se lles viñan prestando.

Dende o BNG do Son consideramos moi importante o servizo que se presta aos nosos veciños e veciñas por parte desta oficina e que a súa supresión nos priva de máis servizos, incrementando a nosa dependencia das grandes cidades. [+]


O BNG reclama o cobro do IBI á Igrexa Católica.

Porto do Son, 7 de xuño 2012.- O BNG presentou no rexistro do concello unha moción para ser debatida no vindeiro pleno ordinario e na que se solicita que se inste ao Goberno estatal á supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica dende os acordos subscritos coa Santa Sede nos anos 70 e que, namentres isto non se leve a cabo, se negocie coa Igrexa a compensación aos concellos pola súa exención do IBI.

A propia Dirección Xeral do Catastro estimaba en 426 millóns de euros o valor estritamente relixioso da Igrexa Católica en Galiza no ano 2010, conformado entón por un total de 7.691 inmóbeis. O BNG considera incomprensíbel  que, no actual contexto de crise económica, no que ademais se incrementou o imposto aos bens inmóbeis, a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais. A Igrexa Católica, que non tributa ao erario público polo seu patrimonio, é beneficiaira da axuda das administracións para a conservación do mesmo.

Esta moción está en coherencia coa liña de política defendida polo Bloque tanto no Parlamento estatal como no galego. O pasado marzo debateuse no Congreso dos Deputados, a instancias do BNG, unha proposición non de Lei, rexeitada por PP e CiU, na que se instaba ao Goberno á revisión dos acordos coa Santa Sede. Tamén nese mesmo mes presentou unha proposición non de Lei, aínda sen debater, na que se demanda da Igrexa Católica o pagamento do IBI.

Na moción reclámase que o Estado sexa coherente co seu carácter aconfesional e, en consecuencia, permita a suxeición da Igrexa ao IBI. Solicítase, así mesmo, o compromiso ao respecto do Parlamento galego e da Xunta e, por último, solicítase que o goberno municipal realice un censo dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións.

  [+]