O BNG demanda o servizo de auga municipal para Miñortos.
Porto do Son, 10 de xullo 2012.- O BNG vén de presentar no rexistro do concello unha moción, para ser debatida no vindeiro pleno ordinario do mes de xullo, na que se solicita dotar do servizo de auga municipal ás vivendas da parroquia de Miñortos e que se paralice o cobro, que está a realizar o goberno municipal, dos enganches aos posíbeis usuarios mentres o concello non lles preste o servizo de abastecemento de auga.
Na anterior lexislatura levouse a cabo a obra da acometida de auga municipal para a parroquia de Miñortos por un importe superior aos 800 mil euros e pasado un ano do actual goberno municipal, esta infraestructura ten visos de non chegar a cumprir o seu obxectivo que era a dotación de auga á parroquia.
A día de hoxe os enganches ás casas deberían de estar xa executados tal como quedara negociado polo anterior goberno, sorprendentemente non estan todos feitos e, pola contra, estáselle a cobrar indebidamente aos potenciais usuarios estes enganches, o que é unha mostra máis do afán recadatorio que ten este goberno que lles está a cobrar un servizo que non existe e coas consecuencias negativas que tería para o concello no caso de que se presentasen reclamacións por cobrar un servizo que, polo de agora, non se pode prestar.