O BNG presenta CINCO mocións para debater no vindeiro pleno ordinario do mes de Marzo.
Porto do Son, 17 de febreiro 2012.- O BNG vén de presentar no rexistro do Concello cinco mocións para que sexan debatidas no vindeiro pleno ordinario do mes de Marzo.
- Moción contra a suba do imposto de bens inmóbeis (IBI) decidida polo Goberno do Estado, unha medida que obriga a un aumento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas e que invade as competencias municipais.
- Moción de apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galiza, que está a promover a Plataforma SOS Sanidade Pública, coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.
- Moción contra a supresión das gardas de farmacia, debido a que o Parlamento Galego, cos únicos votos do PP, vén de modificar a Lei de Ordenación Farmaceútica que permite eliminar as gardas nocturnas das oficinas de farmacia en determinadas circunstancias; entre outras, cando non existe un Punto de Atención Continuada (PAC) no concello ao que dá servizo a farmacia, como no caso do noso concello.
- Moción para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro, coincidindo co día do seu nacemento, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
- Moción polo 8 de marzo de 2012, Día Internacional das Mulleres, no que o BNG quere facer especial incidencia no retroceso democrático que supoñerá a anunciada derrogación da norma que actualmente regula a interrupción voluntaria do embarazo. Unha demanda de décadas das mulleres que se cumpriu hai escasos meses e que o Partido Popular anuncia que desmantelará como tantas outras políticas públicas de igualdade.
De seguido poñemos á vosa disposicón as mocións íntegras presentadas.


