O BNG acusa ao PP do aumento do paro e o declive demográfico de A Lama
A Lama 5 de febreiro de 2011. Os últimos dados da Enquisa da Poboación Activa relativos ao cuarto trimestre de 2010 poñen en evidencia o clamoroso fracaso dun Goberno do PP en Galiza que se aproxima xa ao seu segundo ano de xestión. As cifras son inequívocas: en Galiza a taxa de desemprego medrou 3,5 puntos desde o primeiro trimestre de 2009, mentres que no Estado o incremento foi de 3 puntos.
No concello de A Lama vense sufrindo unha das máis profundas crises de poboación dende o ano 1986 onde tiña 4392 habitantes até o momento actual que conta con 2966 e mantense nunha cifra de desemprego de 266 persoas, cifra sensibelmente superior a outros concellos da comarca.
Dende o BNG denunciamos a nefasta política de emprego impulsada dende o goberno municipal, incapaz de consolidar o “polígono industrial “ e dotalo cos servizos mínimos para que as empresas que adquiriron os terreos poidan instalarse, perdendo oportunidades inmellorábeis como a instalación dun gran campo solar e unha fabrica téxtil pola falta de licencias vinculadas a xestión do uso do solo.
A política do PP levou a que se destruise emprego e obrigou a boa parte da xente nova a marchar de A Lama e buscar alternativas de traballo noutras vilas.
Política caciquil e clientelar na contratación municipal
O Concello é, hoxe por hoxe, o principal empregador do propio concello. Pero o acceso a estes postos de traballo, lonxe de ser igualitario, responde ás características “baltarianas” de clientelismo, favoritismo e caciquismo. Así para acceder a calquera posto no Concello, a un obradoiro de emprego ou aos programas de cooperación, é un requisito básico ser do PP ou ser familiar do alcalde ou doutros concelleiros do PP (resulta altamente sospeitoso que varios dos sobriños do Alcalde traballen para o Concello e que o seu propio fillo sexa contratado con asiduidade en obras vinculadas o Plan E ou en empresas que traballan para o administración municipal).
O BNG esixe transparencia e igualdade de oportunidades
Dende o BNG esiximos a máxima transparencia nos procesos de selección e que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades independentemente da filiación política ou do parentesco e animamos a todos as persoas implicadas a que denuncien esta situación de marxinalidade fronte o nepotismo de Canda e do PP.
Para o BNG é politicamente inaceptábel non só esta política clientelar e de venda de favores que leva a cabo o PP, senón tamén -e máxime nun tempo de crise coas elevadas taxas de paro que soportamos- que algúns funcionarios desempeñen varios postos de traballo (con duplicidade na contratación), ocupando, postos que poderían desempeñar outras persoas.