O BNG solicita a habilitación das zonas de baño do Concello de Soutomaior
Ante a proximidade da temporada de baño, o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior vén de presentar unha moción para debater no próximo Pleno na que solicita a habilitación das zonas de baño do concello. Tamén reclama que se promulgue un bando con estas actuacións, así como o resultado da catalogación das zonas de baño.
Cómpre destacar que a Dirección Xeral de Saúde Pública supervisa, previa solicitude das corporacións municipais, as zonas de baño, facendo comprobacións da calidade microbiolóxica das augas. No caso de Soutomaior, o Concello oferta na súa páxina web dúas zonas de baño marítimas e cinco continentais.
Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, urxe a que se controle a habilitación destas áreas, sobre todo, tendo en conta que no pasado mes se denunciaron novas verteduras na EDAR de Arcade (Soutomaior), caso que foi levado ao Parlamento de Galiza polo BNG a través dos deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas. Herrero tamén lembra que durante o pasado verán, os habitantes de Soutomaior sufriron as consecuencias do verquido de gran magnitude da EDAR de Ponte Caldelas. Daquela, algúns bañistas mesmo tiveron que acudir aos centros de saúde, tal e como recomendara o Seprona.