O PP da Lama aproba un orzamento antisocial, cuxa única novidade é a suba dos soldos do alcalde e os concelleiros con adicación exclusiva

A Lama, 27 de novembro de 2009. O PP ven de aprobar os orzamentos municipais, que se caracterizan pola continuidade e a suba de soldos do alcalde e os dous concelleiros do PP con adicación exclusiva.

Calquera diría que estamos vivindo momentos de crise económica, de atender aos orzamentos que o PP ven de aprobar para o concello da Lama. Uns orzamentos feitos de forma rutinaria, sen atender á realidade socioeconómica do noso concello, que "calcan" os orzamentos anteriores, cando a crise non estaba no seu apoxeo na que está agora. Uns orzamentos que esquecen totalmente os temas sociais e os investimentos que poidan dar un pulo á nosa economía, e que só se modifican a respeito do do actualmente en vigor para subir un 2% o salario do alcalde e os concelleiros con adicación exclusiva. 

Desafección das casas dos mestres

Ademais do orzamento o goberno municipal levou a pleno a aprobación da solicitude á consellaría de Educación da desafectación das casas coñecidas como "as dos mestres", casas que na actualidade se encontran ocupadas pola oficina de correos e por particulares que as usan como vivenda particular e almacén sen autorización de "ninguén".

Desde o BNG queremos pór de manifesto a hipocresía do Alcalde cando afirma descoñecer esta situación a pesar de ser vox populi que emprega estes inmobles ao seu antollo sin ningún criterio máis que o do seu propio beneficio politico, xa que familias que realmente necesitan vivenda en función de criterios sociais, con graves dificultades ou menores a cargo, viron como foron rexeitadas as súas solicitudes polo alcalde.

Desde o BNG instamos á consellería de Educación a que ceda o seu uso ao concello, pero que este uso sexa regulado por unha ordenanza onde primen os criterios de indole social e se manteña unha  postura de transparencia no uso destes locais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]