O BNG demándalle á Xunta que esixa responsabilidades polas agresións por parte de militares da BRILAT a veciños de Salcedo

Pontevedra, 11 de novembro de 2009. O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galiza que esixa depuración de responsabilidades ao Ministerio de Defensa polas agresións de militares da BRILAT a veciños de Salcedo e que poña en marcha medidas para defender os intereses do pobo.

Lobeira lembra que o pasado 8 de novembro un veciño que collía cogumelos nun monte veciñal de Salcedo foi sorprendido por catro militares pertencentes á BRILAT, con base en Figueirido.

“Os efectivos militares -denuncia- pretendían expulsar a este veciño dunha zona comunal, propiedade do pobo, que non é propiedade do Ministerio de Defensa nin do Exército de Terra e, ademais, por realizar unha actividade tan perigosa para as Forzas Armadas Españolas como é a recollida de cogumelos”.

Dous veciños agredidos polos militares precisaron asistencia sanitaria

Ademais, o deputado do BNG lembra que “outra veciña, de 60 anos de idade, que se achegou ao lugar resultou agredida por unha militar, así como o primeiro dos civís”.

Os agredidos presentaron a correspondente denuncia na Comisaría de Policía e un deles mesmo precisou asistencia sanitaria como consecuencia da agresión física recibida.

“O Exército non pode actuar coma se fose amo e señor das terras”

O deputado do BNG considera que “estes feitos son de extrema gravidade e merecen unha explicación formal, depuración de responsabilidades e garantías de que non se reproducirán no futuro”.

“O Exército español -advirte- non pode actuar como se fose amo e señor destas terras, eses tempos remataron”.

Beito Lobeira denuncia que “estes feitos prodúcense nunha situación de auténtica ocupación militar que sufren os veciños de Salcedo, e nforma de continuos incomodos, riscos asociados á realización de manobras militares con fogo real, apertura ilegal de pistas por vehículos militares, destrución do patrimonio arqueolóxico ou restriccións de actividades civís”.

Ante esta situación, o deputado nacionalista pregúntalle ao Goberno do PP se ven previsto demandar ao Ministerio de Defensa explicacións formais polo ocorrido, así como a correspondente depuración de responsabilidades.

Ademais, o parlamentario do BNG pídelle á Xunta de Galiza que “poña en marcha actuacións prácticas en defensa dos intereses dos veciños, hoxe ameazados pola presenza militar, a súa franxa de seguranza, e pola actividade soberbia dos efectivos militares”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]