O BNG esíxelle ao alcalde de Portas que cumpra co acordo de recuperar a fonte-lavadoiro de Fontenla
Portas, 13 de novembro de 2009. O BNG denuncia máis unha vez o estado lamentábel da fonte pública e do lavadoiro da Regueira, en Fontenla, e reclama do PP que cumpra co acordo municipal de arranxalos.
A fonte´lavadoiro de Fontenla, en Lantaño, presenta un aspecto desolador. Case dous anos despois de que un veciño destruíra esta propiedade veciñal, e pese á reconstrución parcial que levou a cabo o concello de Portas, a fonte está seca, cousa que nin os máis vellos do lugar recordaban, e cuberta de maleza, escombros e verteduras ilegais.
Unha vez máis, o desisterese e abandono do grupo de goberno do PP está a prexudicar os intereses das veciñas e veciños do lugar, que se ven privados da auga que ían buscar a diario para beber. É necesario proceder á construción inmediata dunha nova arqueta, pis a antiga presenta numerosas fendas que se produciran co deribo do lavadoiro e que non se arranxaron na reconstrución feita polo Concello.
Vinte e un meses despois da destrución do lavadoiro, o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, non cumpríu ningunha das promesas que fixo. A saber, o destrutor non foi sancionado, a fonte-lavadoiro non foi recuperada, as verteduras ilegais na canle do regato próximo non foron retiradas, e a parcela veciñal non foi delimitada.
Mentres, os ánimos das veciñas e veciños non decaen, e xa están a pensar en novas mobilizacións para que este asunto non caia no esquecemento. Entrementres, o BNG esixe do goberno local que cumpra cos acordos plenarios, segundo os cales debería recuperar a fonte-lavadoiro de Fontenla, coa construción dunha nova arqueta, a delimitación da parcela municipal con muros, a retirada das verteduras ilegais de escompros e a sanción ao destrutor.