o BNG aposta por superar o actual marco regulador da Interrupción Voluntaria do Embarazo
Pontevedra, 17 de novembro de 2009. A semana pasada a deputada e membro da Executiva Nacional do BNG, Ana Pontón, participou nun acto público en Pontevedra para expor a postura do BNG favorábel a superar o actual marco regulador da interrupción voluntaria do embarazo. A continuación reproducimos un resumo da súa intervención:
Cando falamos do aborto estámonos a referir a un asunto que garda relación directa cos dereitos das mulleres. Trátase, polo tanto, dun asunto democrático que afecta aos dereitos fundamentais das mulleres. Un debate que está intimamente ligado co debate sobre a igualdade real e a igualdade de dereitos.
Os posicionamentos contrarios á Lei do aborto queren unha muller submisa
Estamos ante un asunto que leva case un século na axenda do feminismo. A situación que estamos vivindo da actualidade evidencia como, fronte aos discursos políticamente correctos a prol da igualdade, hai sectores sociais claramente contrarios a estes avances na realidade.
Detrás das posicións contrarias hai todo un discurso de fondo regresivo para as mulleres, un discurso que non acredita na autonomía e capacidade para tomar decisións das mulleres sobre o seu corpo, un discurso de subordinación da muller a respeito do home, que está asociado á imaxe tradicional das mulleres asociada ao aspecto reprodutivo: as mulleres como nais e esposas.
As posicións contrarias ao recoñecemento do mesmo teñen tras de si concepcións conservadoras e tradicionais do rol das mulleres (nais e esposas submisas e obedientes). Para mostra disto só hai que ver quen está capitaneando a oposición aos avances neste terreo: a conferencia episcopal, e os sectores máis ultraconservadores da sociedade española. Que por certo se están lucindo. Servan como exemplo as declaracións recentes dun cardeal “Os abusos a menores son menos graves que o aborto”. “Cando se banaliza o sexo, disóciase da procreación e desvincúlase do matrimonio, polo que deixa de ter sentido a consideración da violación como un delito penal”, ou a campaña do lince lanzada pola xerarquía eclesiástica, onde se acusa ás mulleres de asasinas.
O debate sobre o aborto está intimamente vencellado ao debate sobre a igualdade realO BNG defende con clareza a necesidade de superar o actual marco regulador da interrupción voluntaria do embarazo.
A legalización do aborto non é algo novo. Aparece lexislado por vez primeira en 1920 na URSS, e pouco despois serán os países nórdicos os que a incorporen á súa lexislación. Após a II Guerra Mundial, a práctica totalidade dos paises do noso entorno recoñecerán este dereito das mulleres.
O dereito á interrupción voluntaria do embarazo é, pois, un dereito fundamental, un dereito das mulleres a decidir libremente sobre a súa maternidade, mais tamén é un asunto de saúde pública. As diferentes resolucións contra a discriminación das mulleres así o teñen establecido: a Convención sobre a eliminación de todas as formas de violencia contra a muller de 1979 contemplaba que "Os estados adoptarán medidas para eliminar a discriminación contra a muller na atención médica a fin de asegurar o acceso aos servizos de atención médica, incluídos os que se refiren a planificación familiar", e a Plataforma de acción de Beijing, IV Conferencia de 1995 di: “Os dereitos humanos das mulleres inclúen o dereito a ter un control sobre a natalidade e decidir libre e responsábelmente sobre a súa sexualidade. Incluída a saúde sexual e reprodutiva, libre de presións, discriminacións e violencia". Vemos como estas convencións, ratificadas polo Estado español. Levan anos de retrasos na súa aplicación práctica.
A lexislación vixente aínda sobre o aborto estaba amplamente superada pola realidade, desfasada e provocaba desigualdes e inxustizas. Esta lexislación caracterízase por:
• Ter unha carga ideolóxica importante. Parte do aborto como un delito, unha escolla non neutra, que servía para contentar aos sectores máis reaccionarios da sociedade.
• Supór a privatización de facto do aborto. Só entre o 3 e o 5% abortos que se realizan fanse na sanidade pública, co que ten de selección económica para o acceso a un dereito básico.
• Provocar inseguranza xurídica para mulleres e médicos, tal e como se comprobou recentemente nos casos de Barcelona e Madrid.
• Recoñecer a obxección de conciencia, que só servíu para fomentar privatizacións (intereses económicos) ou como escusa de moitos para evitar presións dos antiabortistas.
• Na Galiza as mulleres que teñen que ir fóra abortar (un problema que só está solucionado de maneira parcial).
BNG, ten defendido este asunto en todas as lexislaturas desde que tivo presenza nas Cortes do Estado, e tamén presionando desde o Parlamento Galego en dúas direccións: garantir acceso na sanidade pública e manter vivo este debate nas institucións. De feito na pasada lexislatura o BNG conseguíu que por primeira vez houbese un pronunciamento favorábel do Parlamento Galego a unha despenalización do aborto.
O BNG concorda coa filosofía da nova Lei, pero presentará enmendas para mellorala
Para o BNG a nova Lei do aborto que previsibelmente se aprobará na Congreso é un paso adiante moi importante, polo que imos votar favorábelmente, aáinda que presentaremos enmendas para que introduzan aspectos que consideramos importantes, como son.
• Prazo da 16 semanas. As 14 semanas plantexada no proxecto de Lei cubrirá o 90%. De extendelo ás 16 semanas cubriríase o 94%.
• Non establecer o límite en abortos por causas médicas das 22 semanas, cando exista grave risco para a saúde da embarazda ou graves anomalías no feto (hai casos que non se detectan nas probas médicas que se fan).
• Establecemento de garantías para a súa prestación e xeralización no ámbito sanitario público, o que require mobilización de recursos públicos.
• Regulación da obxección de conciencia, xa que non se pode privar ás mulleres de acceder a un dereito.
O debate non é aborto si ou aborto non
O aborto é un dereito das mulleres, non unha obriga. O debate, pois, non é aborto si, aborto non, o debate céntrase en dúas cuestións:
a) Que ten que decidir si se aborta: as mulleres ou xuíces e médicos? Teñen as mulleres capacidade para decidir sobre o seu corpo e maternidade, si ou non?
b) En que condicións se fai o aborto: con seguridade ou sen ela? No ámbito público (con igualdade para todas as mulleres) ou no privado (co que supón de discriminatorio para as mulleres con menos recursos económicos)?
Porque hai unha cousa que está amplamente demostrada no mundo: prohibir o aborto non elimina esta práctica. A consecuencia é que a súa prohibición xera desigualdade social e faino máis inseguro para as mulleres (abortos clandestinos e sen garantías---- en Portugal, por exemplo, antes de aprobar lei de prazos, tiña unha media anual de máis de 10.000 mulleres hospitalizadas por abortos de risco). Un só dato: no ano 1975 abortaron no Estado español 300.000 mulleres, e cada ano no mundo morren miles de mulleres por abortos realizados sen as mínimas garantías sanitarias.
Por outra banda convén potenciar a educación sexual, e que o recurso ao aborto sexa un recurso de emerxencia. Hai un dado moi significativo: son precisamente os países con leis máis permisivas (Holanda, Suecia e Alemaña) os que teñen menor índice de abortos. O BNG no anterior goberno da Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude, dera pasos moi importantes neste sentido, coa posta en marcha dos Centros Quérote, que nos poñía á cabeza do Estado neste ámbito. Pero, curiosamente, os detractores do aborto, tampouco queren isto. Están en contra dos métodos anticonceptivos, e o PP na Xunta está limitando na práctica a funcionalidade dos Centros Quérote e apostando por enraizar asociacións antiabortistas.