O Concello de Soutomaior veta unha charla do BNG sobre a Gripe A

Soutomaior, 15 de setembro de 2009. O BNG de Soutomaior denuncia que o Goberno Municipal do PP impediu a celebración dunha conferencia informativa impartida polo doutor Luís Vázquez Vizoso, xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, sobre a Gripe A no Multiusos de Arcade. Vázquez Vizoso, experto en Medicina Preventiva, vén de ser elixido pola Xunta de Galiza un dos 9 recoñecidos profesionais que forman parte do Comité Científico do Plan Galego de Preparación e resposta a pandemia da Gripe A.

 

Ante a negativa da concelleira de Cultura, Dolores Cernadas, a que se celebrase a charla nas instalacións do Multiusos –que non contaban con ningún tipo de reserva para o día e a hora solicitada polos nacionalistas– o BNG viuse obrigado a organizar a conferencia o vindeiro venres día 18 na Biblioteca Municipal, edificio que conta con numerosas deficiencias e que carece de acceso para persoas con mobilidade reducida.

 

O Goberno Municipal do PP demostra unha vez máis a manipulación das infraestruturas, instalacións e servizos públicos ao seu antollo, tentando negarlles aos veciños e veciñas a celebración dunha conferencia de interese xeral para a sociedade sobre a Gripe A. Non é a vez primeira que o Concello de Soutomaior boicotea un acto informativo organizado polo BNG ao non cederlle as instalacións do Multiusos, aínda sen contar con ningunha actividade programada para o día e a hora solicitados.

 

No Pleno celebrado en novembro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG solicitou coñecer os criterios que emprega a Concellaría de Cultura á hora de conceder o Multiusos, o campo municipal de fútbol ou o local de ensaio da escola de Alxán. Os nacionalistas reclamaron un regulamento de reservas e uso das instalacións –como co que xa contan as pistas de tenis e pádel do Concello ou o pavillón municipal– para acabar coa discriminación para o uso destes espazos.

 

O BNG pídelle ao PP que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo cultural concibido para o uso de todos os veciños e veciñas, non só do PP e entidades afíns

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]