O BNG de Soutomaior denuncia a falta de información sobre o estado da auga tras a vertedura no río Verduxo
Soutomaior, 21 de agosto de 2009. O BNG de Soutomaior critica a actitude tanto do Concello como da Xunta de Galiza ao tratar de ocultar información sobre o verquido procedente da EDAR de Ponte Caldelas, que o pasado 16 de agosto afectou a uns 10 quilómetros do río Verduxo e á desembocadura sobre a ría de Vigo. O pasado mércores, 19 de agosto, o Goberno municipal do PP garantiu mediante avisos nas inmediacións das praias a calidade das augas nos areais de Arcade, cualificándoas de aptas para o baño. Porén, Soutomaior conta con máis zonas de baño concorridas, como a da Ponte Colgante, no Val-Sobral, ou a da Fábrica do Inferno, en Vela, lugares nos que o Executivo do PP non está a informar sobre o estado da auga tras a grave vertedura.
O BNG de Soutomaior censura o desleixo da Xunta de Galiza ao non ter informado desde o primeiro momento os veciños e veciñas afectadas, os concellos, as entidades de pesca fluvial, de baixura e marisqueo do fondo da ría de Vigo ou as empresas de depuración de moluscos localizadas na área. Así, ao longo do domingo os usuarios dos areais bañáronse nas augas contaminadas ao non contar con información acerca da vertedura. Algúns bañistas mesmo tiveron que acudir aos centros de saúde, tal e como recomendou o Seprona.
Diante desta situación, o BNG vén de rexistrar, a través dos seus deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas, unha serie de iniciativas parlamentares para interesarse sobre a situación actual e as medidas que a Xunta de Galiza ten previsto adoptar para que actos como estes non queden impunes nin se volvan repetir. Os parlamentares esíxenlle ao Executivo do PP unha información veraz, dando conta do resultado das mostras e analíticas realizadas no río e na ría, a adopción de medidas para restituír o medio á súa situación anterior á vertedura, a depuración de responsabilidades, a adopción de medidas correctoras para evitar a repetición de episodios tan graves como este, e a indemnización ou compensación económica aos sectores afectados.