O BNG de Ponte Caldelas esixe que o Alcalde asuma a súa responsabilidade na catástrofe do Verduxo

Ponte Caldelas, 21 de agosto de 2009. Ponte Caldelas localizase nun marabilloso entorno bañado polas cristalinas augas do Verdugo, cun grande potencial turístico, económico e cultural escasamente explotado.

Nos últimos anos poucas actuacións se fixeron para poñer en valor o entorno fluvial.

O BNG de Ponte Caldelas non pode entender a actitude e xestión tan hipócrita e pasiva do alcalde do Partido Popular en materia medioambiental. Non podemos entender, e así o manifestamos, que se fixera a tala de árbores tanto no cemiterio coma na praza que está diante da escola infantil, convertida agora nun espazo ermo sen ningunha sombra para os nenos e nenas.

Agora o alcalde, por omisión de responsabilidades, permite que ocorra esta catástrofe, largamente anunciada polos técnicos de protección da natureza, ao non adoptar as medidas necesarias para evitala. As consecuencias todos e todas as coñecemos: o exterminio da vida neste río, matando por igual troitas, salmóns e anguías. Isto demostra unha grande contradicción na xestión municipal que por unha banda pretende promover o valor do río como atractivo fundamental de Ponte Caldelas, e por outra déixao desprotexido ao non investir o suficiente para levar a cabo un mantemento de garantías da depuradora.

Para colmo as súas declaracións son unha falta de respecto aos veciños e veciñas, pescadores e amantes do río, porque ao dicir que non lle importa pagar a multa deixa claro dúas cousas:

a) Por un lado que non lle importa o que lle pase ao río e non valora o gran dano ecolóxico producido

b) E por outro que non reflexiona sobre o grave gasto que isto supón en tempos de crise. Desde o BNG de Ponte Caldelas esiximos que o alcalde asuma as súas responsabilidades neste asunto e que cambie a súa política en materia medioambiental con máis investimentos e actuacións concretas e efectivas tanto en montes, ríos e ribeiras como en espazos públicos dos lugares.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]