IIª Festa nacionalista en Soutomaior
Soutomaior, 15 de xullo de 2009. Este venres, 17 de xullo, O BNG e Galiza Nova en Soutomaior, organizan, na carballeira do peirao de Arcade, a IIª Festa Nacionalista. Intervencións políticas, música e divertimento nos preliminares dun Día da Patria multitudinario e reivindicativo.
O BNG de Soutomaior e mais Galiza Nova celebran a II Festa Nacionalista na Carballeira do Peirao de Arcade o vindeiro venres 17 de xullo. No acto, que dará comezo a partir das 22.00 horas, intervirán Manu Lourenzo, vicerresponsábel local do BNG, Marga Caldas, responsábel comarcal de Galiza Nova, e Bieito Lobeira, deputado no Parlamento de Galiza. Por segundo ano consecutivo, o BNG e mais Galiza Nova convidan as cidadás e cidadáns a participar neste acto festivo-musical que contará coas actuacións dos grupos “A putísima croqueta Bang Bang”, “Sol y Sombra. Hijo del Desierto” e de “O Leo i arremecághona”. Haberá postos de comida e bebida a prezos populares.
Esta festa celébrase dentro dos actos previos que o BNG celebra por todo o país con motivo do Día da Patria, que terá como acto central a xa tradicional manifestación do 25 de Xullo polas rúas de Compostela. “Movámonos polo idioma e polo emprego” é o lema sobre o que xira a campaña dos nacionalistas, que pretenden facer un chamamento á participación da sociedade para darlles resposta ás agresións do PP desde a Xunta de Galiza contra o noso idioma. O BNG non esquece reclamarlle ao Goberno políticas que favorezan un emprego digno no país e alternativas fronte á crise e a inoperancia que está a demostrar o PP desde o inicio da lexislatura.