O BNG esíselle á Xunta transparencia nos proxectos da PO-531
Barro, 30 de xullo de 2009. Nestes días estanse a producir as expropiacións para o macro-nó de Curro en base a un suposto proxecto modificado que, segundo a Consellería, recolle as demandas dos veciños e veciñas e dos grupos políticos do Concello de Barro para mellorar a accesibilidade dos distintos fluxos de tráfico e tamén a mellora dos accesos á zona industrial.
Estes supostos proxectos reformados non son coñecidos nin polos grupos políticos do concello de Barro nin polos veciños e veciñas afectados, tal como manifestaron os mesmos aos medios de comunicación.
Durante a longa tramitación do proxecto de reforma da PO-531, a interlocución dos grupos políticos de Barro así como da plataforma de afectados cos anteriores responsábeis da Consellería foi constante no intento de sonseguir o mellor proxecto posíbel e solucionar todas as deficiencias do proxecto inicial. O feito do que agora se estea a realizar o proceso de expropiacións sen que sexan públicos os proxectos reformados xera inquietude e preocupación por parte dos afectados e rexeitamento por parte do BNG a esta forma de actuar escurantista.
Por outra parte, o BNG demanda a urxente publicación do resto do proxecto da PO-531 de Curro até Pontevedra, no que se respecte o deseño pactado coa Plataforma veciñal e que recollía as demandas do BNG en todo o trazado que afecta ao noso concello. A demora na realización das obras de mellora de dita estrada fai que a mesma siga sendo unha vía altamente perigosa tanto para os peóns como para os vehículos que circulan por ela.
Unha vez que a anterior Xunta de Galiza comprometera unha importante cantidade de diñeiro para a mellora da seguridade desta estrada tan abandonada ao longo de décadas, non podemos permitir que ese diñeiro se perda ou se adique a obras noutros lugares. O obxetivo, manifestado polo BNG ao longo de todo este proceso de debate sobre o proxecto de modificación da estrada, é conquerir que se converta nunha travesía urbana cos equipamentos e as medidas precisas para mellorar tanto a calidade de vida dos veciños de Curro como a seguranza da circulación.