O BNG esixe do Goberno Galego unha actitude de firmeza en defensa dos intereses populares afectados pola "zona de seguranza" da Brilat
Pontevedra, 8 de xullo de 2009. O BNG, a través dos seus deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas solicitan do Goberno Galego que adopte medidas para defender aos veciños e veciñas afectados pola imposición, por parte do Ministerio de Defensa español da "franxa de seguranza" na base da Brilat en Figueirido.
A decisión do Ministerio de Defensa do Goberno Español de impor unha zona de "seguranza" en torno á base militar "General Morillo" está a provocar un importante conflito social, ao afectar gravemente tanto ao aproveitamento forestal dos terreos como sobre as propias vivendas ou as previsións de medre futuro dos núcleos rurais afectados.
O perímetro de seguranza, decidido unilateralmente polo Ministerio de Defensa, divídese na denominada "zona de seguranza cercana", con medidas absolutamente restritivas nas 400 hectáreas afectadas, un espazo no que se encontran 105 vivendas, varias empresas e milleiros de fincas e tomadas. Pola súa banda, a "zona de seguranza lonxana" abrangue un total de 2880 hectáreas dos concellos de Pontevedra, Vilaboa e Marín.
Os deputados nacionalistas lembran que, en aplicación da legalidade vixente (unha Lei, por certo, franquista), o Ministerio de Defensa pode denegar autorización en todo o referente a plantacións, edificacións, obras, traballos, instalacións, etc., o que supón un impacto brutal.
A ampliación do perímetro de seguranza suscitou o rexeitamento tanto dos veciños e veciñas afectadas como do Concello de Pontevedra.
Para Bieito Lobeira e Teresa Táboas, a actual ampliación é inasumíbel social, económica e medioambientalmente, polo que só cabe modificar as condicións da ampliación, de xeito que as vivendas e os accesos queden desafectados, reducir a zona militar ou, en último caso, trasladar a base militar a un emprazamento que non cause un impacto tan grave na sociedade.