O BNG manifesta o seu apoio ao comité de Treves
Pontevedra, 17 de xullo de 2009. Nunha xuntanza mantida esta mañá o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego manifestou o seu apoio ás traballadoras e traballadores de Treves en Pontevedra e comprometeuse a levar ao Pleno da vindeira semana unha moción solicitando á Xunta de Galiza a non admisión do ERE plantexado pola empresa.
Os concelleiros Raimundo González e Demetrio Gómez, en representación do Grupo Municipal do BNG, reunironse na mañá do venres 17 de xullo co Comité de Empresa de Treves para coñecer de primeira man a situación que se está a producir á raíz do ERE plantexado pola empresa.
O BNG vai levar ao Pleno as demandas dos traballadores de TrevesNesta xuntanza, Raimundo González transmitiu aos representantes sindicais que contan con todo o apoio dos nacionalistas na loita que están a levar para manter os seus postos de traballo. González Carballo informou ao comité de que este asunto xa foi tratado no Consello Local celebrado esta semana porque vai máis alá dun problema sindical ao tratarse dunha deslocalización que vai incidir moi negativamente na economía local; neste sentido, o Consello Local coincide cos representantes dos traballadores en que non se pode permitir que as empresas traten de aproveitarse da actual crise económica para tirar beneficios espúreos e atacar os dereitos adquiridos polos traballadores.
O Grupo Municipal comprometeuse coas traballadoras e os traballadores a prestarlles todo o seu apoio institucional, o que vai traducirse en que o BNG vai traballar para que o vindeiro Pleno Municipal aprobe unha moción que solicite á Xunta de Galiza o rexeitamento do ERE que non responde de ningún modo á situación económica que da empresa, senón a unha tentativa de menoscabar os dereitos dos traballadores e taballadoras deslocalizando a producción.
Por outra banda, os concelleiros tamén manifestaron o apoio para as movilizacións que están a levar a cabo os traballadores e traballadoras desta empresa e para as que poidan seguir a facer máis adiante.