Ence fóra da ría
Pontevedra, 16 de abril de 2012. O BNG vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Parlamento para que a Xunta de Galiza esixa do goberno español que se garanta que ao máis tardar en 2018 Ence e Elnosa abandonen a ría de Pontevedra.
"Ence debe abandonar a ría de Pontevedra. E debe facelo a máis tardar en xullo de 2018, data na que expira a súa concesión administrativa, segundo está contemplado na Orde Ministerial de xullo de 1999. Esta é unha demanda unánime do Concello de Pontevedra, das forzas políticas e da sociedade pontevedresa no seu conxunto, que en numerosas ocacións o ten reivindicado de forma clara, rotunda e masiva", lembrou a deputada nacionalista Carme da Silva.
A nacionalista lembrou que o ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Arias Cañete, anunciou, tanto no Congreso como no Senado, a intención do goberno do Estado de modificar a Lei de Costas, entre outras cousas para ampliar as concesións administrativas máis alá dos trinta anos que contempla a actual lei.
A ambigüedade demostrada polo ministro e do Grupo Popular no Congreso preocúpalle ao BNG e á sociedade pontevedresa. Lembremos que o PP se negou a apoiar unha iniciativa do BNG na que se instaba expresamente ao goberno a realizar as actuacións administrativas correspondentes para garantir a finalización en xullo de 2018 da concesión que teñen ENCE e ELNOSA na ría de Pontevedra, argumentando que hai pendente un recurso de ENCE de febreiro de 2004. Unha argumentación que non se ten en pé porque este recurso era para que se lle autorizase a ocupación da marisma de Lourizán, algo que non ten nada que ver co feito de que en 2018 lle remate a concesión.
Por outra banda, para o BNG non deixa de resultar significativo o papel da Xunta en todo este tema. Por unha banda no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza, que entre os seus obxectivos ten buscar solo para localizar empresas con ubicación desaxeitada desde o punto de vista ambiental, non se contempla ningunha alternativa para o complexo ENCE-ELNOSA e, pola outra, a recente renovación das AAI a estas empresas.
O BNG esixe claridade e firmeza para que, dunha vez por todas, se dean os pasos necesarios para que ENCE e ELNOSA abondenen a ría de Pontevedra.