O BNG esixe que se garanta a seguranza viaria en Curro

Barro, 26 de marzo de 2012. O portavoz do BNG no concello de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, vén de presentar dúas mocións que teñen como denominador común a mellora na seguranza viaria na parroquia de Curro.

Mellora da seguranza viaria no lugar de Outeda

As obras de construción dos nós de enlace viario na parroquia de Curro están a causar, como era previsíbel, graves problemas de seguranza no lugar de Outeda, tanto para os veciños e veciñas como para a circulación de vehículos.

De todos é coñecido que a estrada vella, abandonada desde hai anos, non está en condicións para absorver unha grande intensidade de tráfico. De feito existía un compromiso do anterior Goberno da Xunta de urbanizar ese treito para paliar o incremento de tráfico de acceso ao polígono.

O PP na Xunta non só non mantivo o compromiso de urbanizar a estrada vella, senón que non adoptou ningunha medida para garantir a seguranza viaria antes de proceder a desviar o tráfico pola mesma, coa conseguinte intranquilidade entre o vecindario.

O BNG instou ao Concello a esixir da Xunta que se adopten con urxencia as medidas necesarias para garantir a seguranza viaria, entre as que se contemplen melloras na sinalización e iluminación, colocación dun semáforo no paso de peóns e a instalación de redutores de velocidade.

O BNG reclama que se respecte o proxecto aprobado para o nó pequeno

A Xunta non iniciou aínda as obras previstas no nó pequeno de Curro, na PO-531, a carón de igrexa. Parece ser que este retraso ten a súa orixe en que a Xunta está a modificar o proxecto aprobado e orzamentado - que contemplaba o soterramento do tráfico de paso- co obxectivo de reducir gastos.

O BNG esixe que se manteña o proxecto inicial, consensuado no seu día entre técnicos da Xunta e as forzas políticas e sociais. Nin o BNG nin os veciños e veciñas aceptamos que por criterios única e exclusivamente económicos se poña en risco a vida e a seguridade das persoas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]