O BNG tacha de disparate a débeda de case 1.200.000 euros que ten contraída o concello de Barro
Barro, 21 de marzo de 2012. O concello de Barro ven de declarar que, co data 31/12/11, debe aos provedores 1.166.000,00 euros, o que é a constatación da nefasta xestión económica do Goberno Municipal que o BNG leva denunciando ano tras ano.
Esa débeda, á que temos que sumar outras non computadas relativas a expropiacións e outros conceptos, fai que a situación económica do noso concello, que conta para este ano cun orzamento de 1.771.000 euros, sexa crítica.
Resulta difícil explicar esta alarmante situación, de non ser por unha unha serie de vicios e irresponsabilidades cometidos polo goberno do PP ao longo dos anos e que foron denunciadas de forma clara e contundente polo BNG. A saber:
• Inflar ano a ano os orzamentos cunha previsión de ingresos fictícia. Este proceder tivo como consecuencia un incremento alarmante do déficit, que co paso dos anos acadou as desproporcionadas cifras que hoxe temos. Resulta lamentábel que non se aproveitasen os anos de bonanza económica asociados ao “boom” da construción, nin para dotar de servizos aos veciños e veciñas nin para sanear as deficientes contas do Concello.
• Non recoñecer en ningún dos orzamentos as facturas pendentes de pago, recorrendo de forma sistemática a recoñecementos extraxudiciais de débeda, co que se distorsionaron aínda máis os orzamentos. • Gastar sen control en Asesorías xurídicas externas para tentar solucionar nos tribunais as múltiples decisións erradas e a mala xestión do goberno. Exemplos paradigmáticos deste despilfarro son os polígonos industriais de Sequeiros e Outeda.
• Ter que facer fronte a unha importante cantidade de diñeiro en concepto de multas doutras administracións por actuacións ilegais ou sen a tramitación correspondente.
Pola contra, mentres os gastos se disparan, o Goberno Municipal non fixo nin fai nada para cobrarlle á empresa que organiza o mercadillo dos domingos os 60.000 euros que lle adebeda ao Concello.
O único que está claro da situación na que se encontra o noso Concello é que, máis unha vez, seremos os veciños e veciñas de Barro os que, sen contar cos servizos que debéramos, teñamos que pagar, durante moitos anos, as consecuencias da nefasta xestión económica levada a cabo polo goberno do PP.