O BNG-Soutomaior informou aos veciños sobre os produtos financieiros emitidos por Caixanova e outras entidades bancarias
Soutomaior, 16 de marzo de 2012. O BNG de Soutomaior celebrou unha charla informativa na que se analizou polo miúdo e se aportaron respostas á delicada situación que están a vivir moitas familias no noso Concello, que foron enganados para que puxesen os seus aforros en produtos financeiros autorizados polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores para vender en bolsa; destinados, polo tanto, para os especuladores.
Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG en Soutomaior, encargouse de presentar o acto, explicando a dobre vía de actuación que está a ter o Bloque Nacionalista Galego en toda esta situación. Por unha banda o BNG está a traballar nas institucións –Concellos, Parlamento Galego e Congreso do Deputados- para que insten á Xunta de Galicia e ao Estado a tomar as medidas acaídas para devolver os cartos aos seus donos. Pola outra banda o BNG está a desenvolver por todo o país actos coma o que se celebrou este xoves, 15 de marzo, en Soutomaior. “Estes actos, ademais de pola situación propia da indefensión en que se atopan os afectados, considerámolos unha obriga coa cidadanía polo inmobilismo no que se encontran moitos afectados pola vergoña de sentírense estafados. E isto non debe ser así, foron enganados por xente que se aproveitou da confianza que conseguiron ao longo dos anos, de aí a elevada cifra de afectados. É algo que lle pode pasar a calquera; neste caso a calquera que tivese uns aforros. Non hai que ter complexos á hora de reclamar o que un gañou limpamente coa suor da súa fronte.”
Trala intervención de Fernando Herrero, foi Henrique Viéitez, deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego, o que se encargou de facer unha exposición máis técnica de todo o escenario no que se está a desenvolver este drama que aínda non ten unhas cifras concretas, pero que se calcula que pode afectar entre 70.000 e 100.000 aforradores –e as súas familias- na Galiza.
Henrique Viéitez empezou a súa argumentación constatando un cambio de actitude xeneralizada nos últimos anos das entidades financeiras, o que as leva a buscar o beneficio a calquera custo, inda que implique enganar ao cliente e venderlle uns produtos que non están pensados para eles mentindo sobre as súas características. Isto foi o que aconteceu coas participacións preferentes, coas obrigacións subordinadas e outros produtos financeiros afíns. E non tiveron escrúpulos en coller aforros de toda unha vida nin indemnizacións por despido a persoas que, agora que a crise está na súa fase máis dura, precisan duns cartos que non poden recuperar.
Quixo deixar claro que existen uns organismos que autorizan os produtos financeiros e púxolles nome e apelidos: Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Foron eles quen autorizaron estes produtos. Igualmente, hai un control ao que os bancos teñen que someterse, e neste caso as entidades tiñan que facerlles un test de idoneidade aos clientes que contrataban estes produtos, para que soubesen o que compraban, algo que non se fixo. É máis, o escándalo chega ao punto de que nalgúns casos foron vendidos por teléfono.
Pautas de actuación:
Con estes antecedentes, agora aos consumidores non lles queda outra que armarse de paciencia para recuperar o seu diñeiro. Henrique Viéitez alertou aos asistentes ao acto dos riscos que ten quen busca alternativas negociadas coas entidades financeiras para acelerar a recuperación dos cartos. Déronse casos de quen chegou a perder máis do 60% do capital investido por tentar trocar as participacións preferentes por accións do banco.
O camiño debe ser que asuma a responsabilidade quen a ten, e que os donos dos cartos os recuperen. Así, o deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego, Henrique Viéitez, recomendou os seguintes pasos a seguir:
1º- Reclamar ao defensor do cliente da entidade coa que contratou o produto.
2º- Unha vez que conteste o defensor, presentar unha reclamación diante da CNMV. O documento para presentar a reclamación pódese descargar no seguinte enlace.
http://www.cnmv.es/PortalInversor/section.aspx?hid=154
3º- Reclamar diante da oficina do consumidor da Xunta de Galicia, e esixir que sexa esta quen dea unha resposta a esta reclamación. Este paso pódese facer ao mesmo tempo que o paso 2º. Neste punto é necesario lembrar que a defensa do consumidor e do usuario é competencia exclusiva asumida por Galiza no Estatuto.
Tamén quixo deixar claro que a solución é política e depende única e exclusivamente do Estado. Fixo este apuntamento, diante das insinuacións interesadas que se están a facer dende os bancos, e por parte dalgúns responsábeis políticos; para evitar que se lles esixan respostas.
Henrique Viéitez explicou que o Bloque Nacionalista Galego, pola súa banda, está a reclamar que resolva esta situación creada quen ten as competencias e a responsabilidade última: o Banco de España. Cando dende a Xunta se di que o Estatuto non lle interesa a ninguén, habería que replicarlles que non lle interesa a quen non sabe asumir competencias nin cumprir coas obrigas que lles corresponden como gobernantes; daí a importancia que tería unha Banca Pública Galega –entre outras cousas- para axilizar as solucións e minimizar abusos deste tipo.
Ademais destas pautas de actuación, apuntou o fundamental, que é estar unidos nestes casos, facendo as cousas organizadamente. Fan máis forza 100 persoas organizadas prantadas na rúa diante da oficina central dun Banco, que 1.000 persoas berrando cos directores de cadansúa sucursal.
Intervencións dos asistentes ao acto.
Logo da intervención de Henrique Viéitez abriuse a quenda de intervencións dos asistentes. Queremos deixar constancia dalgunha delas:
Quedou de manifesto que dende un primeiro momento se xogou coa confianza dos clientes, sen que houbese por parte destes un afán especulativo. Ofrecéuselles o produto en termos similares aos dun prazo fixo, garantíndolles que poderían dispoñer dos seus cartos no momento en que os precisasen.
Suscitouse a cuestión de se os directores podían ser descoñecedores dos produtos que vendían. A esta cuestión replicouse dicindo que é difícil que así sexa, xa que estes saben en todo momento os produtos cos que operan. O que si se sabe con certeza é que chegou a haber sancións a algún director que se negou a vendelos.
Destacábel foi a unanimidade na indignación pola ausencia de medidas contra os responsábeis desta situación. A xustiza e a fiscalía miran para outro lado mentres desaparecen miles de millóns de euros galegos. Cando se lle pensa pedir responsabilidades ao Banco de España e a CNMV?
Salientouse a hipocrisía do Partido Popular, que votou no Parlamento Galego a prol de reclamar a implicación da Xunta para apoiar e buscar solucións aos cidadáns que adquiriron participacións preferentes, e no Congreso votou en contra de garantirlles a recuperación do seu capital inicial. Será que non hai deputados galegos do PP no Congreso do Deputados. Diante desta observación houbo quen quixo lembrar que foi o PSOE quen nomeou ao Gobernador do Banco de España.
Agradecéuselle ao Bloque Nacionalista Galego o acto informativo, e recoñeceuse tamén que, a día de hoxe, ninguén máis no Concello ten feito este labor.
Para finalizar, os asistentes quedaron traballando na posibilidade de crear unha plataforma de afectados no Concello de Soutomaior e contactar con outras plataformas creadas noutros Concellos para buscar entre todos a mellor saída a esta situación.