Lores oferece un proxecto común de futuro a todos os sectores sociais de Pontevedra

A Casa das Campás acolleu esta mañá a presentación pública da candidatura do Bloque Nacionalista Galego para o Concello de Pontevedra nun acto no que estiveron presentes os 35 membros desta lista (os 25 candidatos e os 10 suplentes). É a primeira vez que o Bloque Nacionalista Galego dá a coñecer a lista completa coa que aspira a acadar a Alcaldía o vindeiro 22 de maio, logo de que fose ratificada, hai uns días, polo Consello Nacional.

Os 35 membros da lista participaron previamente nunha reunión dende as 9.30 horas, na mesma Casa das Campás, onde tomaron os seguintes acordos:

O candidato César Mosquera informou destes acordos e tamén explicou que na reunión se fixo un balance da situación política actual no municipio de Pontevedra, onde a candidatura do BNG aspira a revalidar a Alcaldía da Boa Vila. Afirmou que “o PP ten problemas serios porque está ao fronte unha persoa con intereses alleos a Pontevedra, e cunha traxectoria contrastada de que todo o que toca o destrúe”. Lembrou que o concello de Sanxenxo é un claro exemplo. Asegurou que “a xente que quere a esta cidade non se sinte representada nesta persoa”.

César Mosquera tamén manifestou que nestes días se  produciu unha novidade política na cidade: a presentación do candidato do PSOE. Movido pola “idea de impactar, puxo os pelos de punta a gran parte dos seus compañeiros e dos seus votantes. Ocorréuselle botar man do discurso da dereita, unha política fracasada”, recordou. “Neste contexto tomamos a decisión de dirixirnos a todos, para ir porta por porta, persoa por persoa, explicando o noso proxecto, que o BNG de Pontevedra ten un modelo político no que todas as persoas, sexan de dereitas ou de esquerdas, se senten representadas”, concluíu César Mosquera para darlle a palabra a Leonor González Prieto (ex presidenta da APDR), que ocupa o número 22 da lista.


“Traballouse coa sensibilidade de crear unha cidade pensada na xente”

Leonor Prieto dirixiuse aos presentes cunha anécdota persoal coa que concluíu que “eu represento á xente maior de Pontevedra”. Explicou o seu compromiso “co equipo do alcalde Lores porque foron quen de transformar a cidade en algo valorado por uns, aplaudido por moitos e criticado por algúns, pero é indiscutíbel o cambio vivido”. Logo de lembrar os inicios de Fernández Lores na política pontevedresa, Leonor Prieto destacou que o BNG na Alcaldía “cun equipo competente e valente, comezou a sanear as infraestruturas, a cambiar tubaxes, a repoñer o que durante anos estivo soterrado e esquecido… e logo das protestas comezaron a aparecer as prazas, as rúas, a historia de Pontevedra, os barrios, o Campiño, o Monte Vivo, as festas… todo o que da aire a unha cidade que se proxecta cun esperanzador futuro”. Destacou que “temos que lembrar que se traballou coa sensibilidade para crear unha cidade pensada na xente”.

Leonor Prieto animou a “conquistar aos pontevedreses que gozan de tantos cambios para mellor, para que valoren no que está convertida Pontevedra”. E dixo a Fernández Lores que “pasaredes á historia por devolver a Pontevedra o orgullo de ser a Boa Vila”.

“Esta é a forma de gobernar. A favor e de cara aos veciños”

Tamén se dirixiu aos presentes Juan José González Crespo, veciño de Santa María de Xeve e presidente da mancomunidade de Montes de Pontevedra. Despois de relatar unha infrutuosa petición a José Benito Suárez cando era concelleiro do Rural co alcalde popular Juan Luís Pedrosa para que mellorara as pistas e a iluminación pública na súa parroquia co fin de dar servizo a unha familia do lugar que tiña a unha persoa con discapacidade na súa casa, destacou que “hoxe Santa María de Xeve ten unha casa da cultura, o Monte Vivo, a iluminación e pistas de acceso que son a envexa de todos. Esta é a forma de gobernar a favor e de cara aos veciños”.

“Temos que consolidar este modelo para a xuventude”

Lúa do Mar Couto Escobar, estudante de maxisterio e do Conservatorio, lembrou que ela chegou a Pontevedra cando o BNG tomaba as rendas da Alcaldía. “Pasamos dunha cidade na que os mozos non podiamos facer nada, a ter unha oferta cultural máis ampla con Noites Abertas, concertos, festas… É importante consolidar isto de tal xeito que a xuventude non queira marchar de Pontevedra”. Propuxo chegará xuventude afianzado este modelo e da man das novas tecnoloxías.

“O orgullo de ser pontevedrés”

O encargado de pechar o acto de presentación da candidatura do BNG ás eleccións municipais de maio en Pontevedra foi o candidato e alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Non dubidou en sentirse “orgulloso e afortunado de ter os compañeiros do grupo municipal e os compañeiros da candidatura que teño, xa que é unha representación de todas as idades e de todas as sensibilidades e ocupacións”. “É a representación da sociedade máis dinámica, é un reflexo da sociedade pontevedresa”. Destacou que non atopou nunca as portas pechadas en todas en cales petou. “Con todas as persoas coas que falei, todas se comprometeron con este proxecto, todas se puxeron á miña disposición. Foi impresionante”.

“Confianza en ter os mellores resultados da historia”

“Temos que estar todos orgullosos do acadado até o de agora: o orgullo de ser pontevedrés independentemente de cuestións ideolóxicas e partidarias. Ademais, conseguimos liderar o Concello pola peonalización, pola recuperación de espazos, pola recuperación da ría… e as que non fixemos nós, tamén as lideramos”. “Temos que garantir, de aquí en diante, o futuro e avanzar en proxectos comúns para levar a Pontevedra as cotas máis altas de crecemento. E o temos que facer confiando en nós, nos pontevedreses”, destacou Fernández Lores.

Asegurou que “temos perspectivas espléndidas e moitas posibilidades de acadar a vitoria, xa que temos maioría suficiente para que Pontevedra siga avanzando e crecendo”, de feito confiou “en acadar os mellores resultados da historia e comprométome como alcalde e cabeza deste grupo a seguir traballando con honradez e seriedade como en todos estes anos”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Arquivo a descargar