O BNG de Pontedeume denuncia a falla de medios da Xunta de Galiza na loita contra o lume no incendio forestal que está a asolar as Fragas do Eume.
Pontedeume 1 de abril de 2012. O BNG de Pontedeume quere denunciar a responsabilidade do PP e do Sr Feijo na catástrofe ecolóxica de maior gravidade dende a acontecida co gallo do afundimento do Prestige hai agora 10 anos. O lume que está a asolar o corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, o mellor e máis extenso reduto de bosque atlántico que temos no País e en Europa, evidencia a un tempo as miserias da política de conservación e os erros das estratexias forestais da Xunta.
Dende que goberna Feijóo, a Xunta recortou en 7 millóns de euros as partidas orzamentarias destinadas á extinción de incendios. O recorte en prevención, a clave en calquera loita racional contra os lumes forestais, acada a impresionante cifra dos 20 millóns de euros.
É evidente que esta política de recortes está a deixar o país indefenso.E é evidente o fallo na política de prevención. Dada a seca que se rexistou no inverno era facilmente prevísibel que algo así podía acontecer. Mais a Xunta non o preveu.
Non hai que ir moi lonxe para decatarnos que moita xente do noso concello que estaba integrada en brigadas contra o lume, hoxe mesmo están na casa vendo como se queima a nosa riqueza forestal por televisión, por estaren no paro, mentres se están a traer máis tarde que cedo, brigadistas doutras comunidades autónomas, persoal e medios dos que debería dispoñer o País do estado que máis bosque ten.
Perante esta catástrofe ambiental, tal día como hoxe, moitos eumeses ficamos abraiados cando vimos pasar a procesión de Domingo de Ramos en Pontedeume, coa corporación municipal do PP case ao completo e as súas palmas ergueitas, non sei se implorando á divinidade que chova, ou que o Sr Feijo sacase a súa mangueiriña apagalumes como acontece na foto. Claro exemplo do que entenden no PP o que deben ser os medios para protexer o parque natural máis importante do Pais e un dos de maior importancia en biodiversidade de Europa. Resultaría máis proveitoso que se sumasen cos ramos á primeira liña de lume, para que soubesen de primeira man ao que conlevan as súas políticas de aforro no gasto en certos departamentos, mentres despilfarran inxentes cantidades de cartos en comprar aos medios de propaganda coma a Voz de Galicia. Xustamente, e parece unha macabra casualidade, 7 millóns de euros é a cantidade en subencións que recibíu este medio de comunicación dende que Feijo é presidente da Xunta.
Por último, animamos aos eumeses a participaren na autoconvocatoria feita a través das redes sociais, mañan día 2 de abril ás 20 h en fronte da Casa do Concello, para a creación da Plataforma en defensa das Fragas do Eume. Nos como BNG de Pontedeume apoiaremos esta e outras iniciativas na defensa do noso máis preciado patrimonio natural, as nosas Fragas do Eume.