O BNG de Pontedeume contra a reforma laboral do PP, na rúa mobilizándose co sindicato nacionalista e na institución municipal presentando unha moción.

Pontedeume 14 de marzo 2012. A empresa é do empresario, mais quen a fai medrar son os empregados.

O Goberno central vén de aprobar unha ampla reforma do réxime laboral, que suporá unha mudanza substancial no réxime de relacións laborais en Galicia.

Caprichosamente ou non, o empresario aprovéitase dun despido máis barato: 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades.

Agora o absentismo do traballador no depende de se a empresa veuse afectada pola ausencia, senón só de cantos días faltou. Unha escordadura grave ou un par de gripes suman doadamente 9 días. E 9 días son os precisos para um despido.

A reforma permite despedir cando os ingresos ou vendas baixen durante tres trimestres consecutivos ou que teña unha baixada de beneficios ou “ter previsto” perdas, aínda que sexan temporais.

A reforma crea un contrato indefinido específico, denominado “de apoio aos emprendedores”, aplicable ao 99 por 100 da empresas en Galicia, que permite o despedimento libre e gratis total durante o primeiro ano.

De forma unilateral alegando razóns relacionadas coa competividade , produtividade ou organización técnica ou de traballo na empresa pode despedir.

Segundo o artigo 41 da Reforma Laboral deixa sen contido o Estatuto dos Traballadores, xa que por decisión unilateral do empresario pode modificar  colectivamente, aínda que haxa convenios en vigor, a xornada de traballo, horarios, turnos, sistema de rendemento, sistema de remuneración, cuantía salarial e troco de categoría profesional.
Se o traballador non está conforme poderá optar entre ser despedido con 20 días ou reclamar nos xulgados do social.

Todos os despidos son procedentes e de non estar de acordo hai que demostrar o contrario. Os salarios de tramitación só serán aboados se hai improcedencia e admisión, pero non se optas pola indemnización.

Os ERE non precisan permiso administrativo, faranse sen autorización previa da Administración e acelerarase a tramitación e se amplia as causas obxectivas para este modelo de despido.

Están suprimidos os incentivos pola reincorporación das mulleres tralo permiso de maternidade. Ata agora os empresarios tiñan dereito a un desconto anual de 1.200 euros durante 4 anos pola reincorporación.

A reforma condena aos parados sen subsidio a non atopar traballo en moitos anos, porque o empresario contratanto a un parado con subsidio terá dereito a unha bonificación do 50% da cuantía dese subsidio.
Pero quen vai contratar a un parado que cobre 500 euros ou que non cobre?

O persoal laboral das Administracións públicas tamén pode ser despedido por insuficienza orzamentaria ou cambios organizativos (privatización do servizo).
A reforma permite que se obrigue aos parados con subsidio a prestar servizos nas AA. PP. cobrando o seu desemprego. Iso permitirá despedir a eventuais ou interinos e sustituilos por eses parados, a todas luces máis económico.

Legalizar o despido de laborais fixos da Administración abre camiño ao futuro despido de funcionarios e estatutarios fixos.

A reforma laboral imposta de xeito unilateral polo Goberno central terá un impacto negativo nas condicións de traballo e condicións económicas das persoas traballadoras neste concello

Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO:

1.- A Corporación Municipal de Pontedeume quere manifestar o rexeitamento á reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro, instando ao Goberno central a:
* Proceder á derrogación de dita norma.
* Acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais , que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa estímulos reais para a xeración de emprego de xeito inmediato.
2.- Comunicar o presente acordo aos grupos parlamentares do Congreso de Deputados e Parlamento de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e Presidente da Xunta de Galicia.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]