Apoiamos á Iniciativa Lexislativa Popular contra os recortes e a privatización da sanidade pública en Galiza.
O BNG de Pontedeume ven de presentar unha moción en apoio Á Plataforma SOS Sanidade Pública que está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os servizos necesarios. É competencia do Goberno da Xunta de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuraron o seu réxime económico.
A sanidade pública constitúe -xunto co ensino e os demais servizos públicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade. Nas últimas décadas, porén, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde.
A finalidade da proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública vía iniciativa popular, é frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.
Así pois, a proposición de Lei opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada, que en países do noso contorno produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.
Polo todo o anteriormente exposto, o Grupo municipal do BNG de Pontedeume solicitou do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:
1º- Manifestar o apoio da Corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e dar traslado do mesmo á presidenta do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.
2º- Animar aos veciños e veciñas do noso concello a colaborar con esta iniciativa.
3º- Instar á Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza