O BNG de Pontedeume denuncia a supresión de gardas nocturnas de farmacia e presenta unha moción contra esta medida.

Cos únicos votos do Partido Popular, o Parlamento galego aprobou a Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2012 cunha modificación da Lei de Ordenación Farmacéutica que permite eliminar as gardas nocturnas das oficinas de farmacia en determinadas circunstancias; entre outras, cando non existe un Punto de Atención Continuada (PAC) no concello ao que dá servizo a farmacia.
 O BNG votou en contra desta medida de recorte sanitario ao considerar que as farmacias dan un servizo complementario das prestacións dos centros sanitarios. Non se limitan a dispensar unha prescrición médica porque ademais informan e aconsellan á persoa que adquire a medicación. Unha función especialmente importante cando non se pode acceder a un servizo médico. A garda nocturna de farmacia nun concello onde non hai PAC pode solucionar unha urxencia menor ou aconsellar unha derivación adecuada, evitando a demanda de recursos especializados cando non son necesarios ou a automedicación.
Os únicos argumentos do Goberno galego para este recorte sanitario son económicos e teñen que ver con garantir un nivel de beneficios que baixou coa posta en marcha de medidas de redución do gasto farmacéutico. De xeito que, con este medida para paliar o recorte do gasto farmacéutico no que atinxe ás farmacias, aféctase ao servizo que se lle presta á poboación.
 É unha compensación pola prescripción de xenéricos e o adiamento dos pagos e garantir o marxe económico das farmacias. Isto non beneficia á poboación nin ao goberno senón que vai a conta da calidade sanitaria e farmacéutica
As circunstancias que limitan este servizo como é o caso de concellos onde non existe un PAC, afecta directamente á poboación rural  e persoas maiores. Poboación que ten máis dificultades para acceder aos servizos, tanto pola súa composición demográfica como pola dispersión e a falta de boas comunicacións
A realidade da posta en marcha desta medida constata que unha vez máis o Goberno galego do PP non asume a obriga de garantir á poboación galega uns dereitos, neste caso sanitarios, iguais e independentemente do lugar de residencia.
Este peche, alén de supoñer un trato inxusto e desigual para as persoas que residen nos concellos afectados, provocará un maior acceso a servizos de urxencias para atender problemas que se resolvían nas farmacias que agora pechan. Non supón por tanto nin mellor atención ás persoas afectadas nin tampouco un aforro para as arcas públicas, só unha cesión aos empresarios das oficinas de farmacia a cambio de nada.
Se terán en conta a existencia de Punto de Atención Continuada, pero a Lei non obriga. Aínda así pechan no 70 % dos concellos galegos onde non hai PAC. Esta organización de quendas nocturnas de garda produce unha redución de persoal e consideramos que é un ERE encuberto. As farmacias non só son tendas dispensadoras, deben dar información e formación sobre a dispensación que non ten medicamente obriga previa.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG de Pontedeume instou ao Pleno da Corporación do Concello de Pontedeume a adopción das seguintes
medidas:

1. Instar á Xunta de Galicia a que utilice as súas competencias para que na reorganización que se realice das gardas nocturnas das Oficinas de Farmacia se garanta o servizo en todos os concellos galegos.
2. Comunicar este acordo ao Presidente da Xunta de Galicia e ás portavocías dos grupos parlamentares do Parlamento galego.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]