Moción do Grupo Municipal do BNG de Pontedeume contra a suba do imposto de bens inmobles (IBI ).

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Goberno Central vén de aprobar o Real Decreto-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, que inclúe o incremento do Imposto de Bens Inmobles de Natureza Urbana (IBI).
Neste RDL, o Goberno Central do PP impón unha suba dos tipos de gravame do IBI, que non poderá ser inferior a 0,50 no 2012 e a 0,60 no 2013. E varía entre o 10%, 6% e 4%, en función da antigüidade da revisión catastral -antes de 2002 (10%), entre 2002 e 2004 (6%), e entre 2008 e 2011 (4%). Este incremento vai afectar gravemente aos concellos galegos, xa que son máis do 70% os concellos de Galicia que fixeron a súa última valoración catastral antes de 2002. En todos estes concellos, o incremento será do 10% do imposto e afectará á totalidade dos inmobles de uso residencial. Ademais haberá máis de 100 concellos nos que a suba suporá nos recibos do IBI un incremento do 50% en dous anos, xa que están aplicando o tipo mínimo fixado pola lei, e agora obrígaselles desde o Goberno Central a que o tipo non sexa inferior a 0,50 en 2012 e 0,60 en 2013.
Se os datos anteriores os traemos a Pontedeume que desde o ano 1990 non ten revisión catastral e o tipo de gravame é do 0,40% a subida vai ser gravísima para as economías domésticas.
A medida do goberno do PP no Estado vén botar por terra as previsións que adoptaron os concellos antes do 1 de xaneiro, en canto á actualización de taxas e impostos, que se fixeron tendo en conta a situación económica municipal e dos seus habitantes, que agora veñen a sufrir este ano e o próximo unha nova e forte suba de impostos, acumulándose o incremento aprobado polo Goberno Central aos incrementos aprobados por moitos concellos para 2012. 
Isto supón indubidablemente un ataque frontal á autonomía local, por ser os concellos os que teñen a posibilidade de fixar os tipos impositivos do IBI, véndose abocados a un incremento que vai repercutir gravemente na economía das familias e constituíndo unha medida do PP desde o goberno do Estado que despreza a competencia municipal de poder utilizar os seus mecanismos tributarios para xerar os ingresos necesarios para o correcto equilibrio das súas finanzas.
Este Real Decreto Lei non ten en conta circunstancias persoais dos propietarios nin o destino que se lle da. O aumento vai afectar por igual ás familias con todos os seus membros en paro, aos traballadores os que se conxelan o salario e aos pensionistas que a pesar da subida do 1%  perden poder adquisitivo polo incremento do IRPF, recollida de lixo, auga,...
A medida adoptada polo goberno do Estado resulta, ademais de invasora das competencias locais, inoportuna e escapista das súas responsabilidades, porque escapa á necesidade dunha reforma urxente do financiamento local para incrementar a contía de participación nos ingresos do Estado (PIE) por parte dos concellos galegos, integrándoa plenamente nos orzamentos da Xunta de Galicia e aplicando criterios de reparto que teña en conta o maior custe dos servizos en Galicia, derivado da dispersión poboacional e do envellecemento dos habitantes do noso país.
Pero, tamén, fronte a esta medida tan inxusta do Goberno Central, xunto co incremento da PIE e o recoñecemento de criterios específicos para Galicia, existe a alternativa de aumentar a capacidade financeira dos concellos coa cesión de novos tributos, dotar de maior eficacia á loita contra a fraude fiscal e por preservar que os concellos poidan decidir sobre os seus propios instrumentos tributarios para equilibrar os seus orzamentos, coa debida corresponsabilidade fiscal.
Diante desta grave medida que obriga a un incremento impositivo que prexudicará á cidadanía, cun grave impacto nas economías domésticas e que invade as competencias municipais, correspóndelle ao Goberno galego actuar para preservar a autonomía dos concellos galegos, e non optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central.
Por todo o exposto é polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Pontedeume solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento ao incremento do tipo de gravame do IBI que figura no  RDL 20/2011 por se tratar dunha medida absolutamente inxusta que invade as competencias dos concellos e obriga a unha política impositiva onerosa para as economías da cidadanía.
2. Instar ao Goberno Central á retirada do incremento do IBI fixado polo RDL 20/2011.
3. Solicitar do Presidente da Xunta de Galicia a:
 a. Instar do Goberno do Estado á retirada do incremento do IBI fixado no RDL 20/2011.
 b. Instar do Goberno do Estado a proceder a unha reforma urxente do financiamento local, de tal xeito que se incremente a contía de participación nos ingresos do Estado por parte dos concellos e dita participación se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galicia. Tendo en conta nos criterios de reparto o maior custe dos servizos no noso país, derivado da dispersión poboacional e do envellecemento da mesma.
 c. Impulsar un Plan de Financiamento Local coa cesión de novos tributos e capacidade normativa sobre os mesmos, así como medidas para a mellora efectiva da loita contra a fraude fiscal.
4. Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, Presidente do Goberno do Estado e portavocías dos grupos parlamentares do Parlamento galego.

Pontedeume, 13 de xaneiro de 2012

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]