O BNG demanda en Ponteceso a fin da opacidade na xestión do Plan Xeral

08/02/2011. O grupo municipal do BNG presentou un escrito este luns no rexistro xeral do Concello de Ponteceso no que reclama a fin da opacidade diante da oposición e da veciñanza a raíz da xestión que se está a levar co tema da renovación do Plan Xeral de Ponteceso.

O BNG aposta por demandar do goberno municipal a búsqueda do consenso nas decisións de xestión do urbanismo en Ponteceso, e solicita que se convoque unha reunión entre o grupo redactor do PXOM e os grupos municipais para explicar o estado dos traballos. O BNG pretende que esta reunión dea lugar á constitución dunha comisión de seguimento do PXOM.

O BNG tamén quere que o alcalde explique as directrices e obxectivos da renovación do PXOM e que facilite á oposición a documentación que xa está editada e a que teña que editarse sobre esta renovación.

O BNG xa presentou numerosas iniciativas a respecto da xestión do urbanismo

Manuel Varela, portavoz municipal do BNG en Ponteceso, tamén saiu ao paso das declaracións do alcalde da localidade nas que acusaba ao grupo nacionalista de non facer traballo de seguimento en materia urbanística.

Manuel Varela lembrou unha por unha as moitas iniciativas presentadas para o seu debate no pleno da localidade a respecto da xestión urbanística: dende as mocións sobre o problema das fendas, as iniciativas sobre legalidade urbanística e tamén, en varias ocasións, para preguntar polo estado da revisión do PXOM.

Fronte ás numerosas preguntas e interpelacións do BNG, Manuel Varela lamentou que a información facilitada polo goberno fose nula, negándose a debater as cuestións en pleno e a constituír as mentadas comisións de seguimento.

O portavoz municipal do BNG contrapuxo o obscurantista modelo do PP en Ponteceso coa boa xestión que se está a levar en Carballo, onde goberna o BNG e onde todos os grupos políticos (tamén os da oposición) están sentados traballando xuntos nunha comisión de seguimento do PXOM.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]