“O peche de Canal Tea é un recoñecemento do que sempre defendeu o BNG”

Ponteareas, 19 de setembro de 2012

Xosé Represas,  portavoz municipal do BNG de Ponteareas afirmou no Pleno de onte que “a proposta do goberno para pechar canal Tea é un recoñecemento do que sempre defendeu o BNG. E unha proposta que se trae con 25 anos de retraso e con consecuencias nefastas para o Concello”.

O portavoz nacionalista instou ao Partido Popular a asumir a súa responsabilidade polo despilfarro de millóns de euros durante todos estes anos. “Foi un alcalde e un goberno do PP quen puxo en marcha a televisión municipal, o Partido Popular sempre se negou a pechala e utilizouna como un medio de propaganda a costa do cartos de todos”, manifestou Represas

O portavoz do BNG lembrou que en maio de 2004, o PP e Solla rexeitaran a proposta dos nacionalistas de cumprir as recomendacións da Universidade de Santiago sobre o futuro da RTMP. Daquela, o BNG levou a Pleno a proposta de peche da televisión, proposta que recollía textualmente as recomendacións da Universidade nun estudio encargado nos 11 meses de goberno do BNG e o PSOE. “O BNG foi o único grupo que sempre esixiu acabar co despilfarro da televisión municipal, o informe da Universidade confirmou xa hai máis de 8 anos, o que sempre defendeu o BNG”

MOCIÓN CONTRA A SUPRESIÓN DE AULAS

O Pleno aprobou, co voto en contra do PP, unha moción do BNG de rexeitamento da supresión de aulas concentrando alumnado de Infantil co de Primaria. A iniciativa tamén insta a Xunta de Galiza a dotar aos centros de ensino de persoal e de recursos necesarios para a atención do alumnado con necesidades educativas especiais e a modificar política educativa para garantir unha educación pública de calidade.

CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DE MONTES VECIÑAIS

Así mesmo, o Pleno aprobou a proposta do BNG para instar á Xunta de Galiza a creación dun Centro de Documentación de Montes Veciñais no edificio do centro comarcal de A Cañiza, proposta que o PP se negou a apoiar. Represas explicou no Pleno que Galiza necesita contar cun Centro no que este agrupada toda a documentación histórica relativa aos montes veciñais. “documentación agora dispersa en multitude de arquivos e diversas administracións, que en moitos casos non está custodiada en condicións adecuadas” afirmou o portavoz do BNG, engadindo que o edificio Comarcal de A Cañiza pode acoller este centro, está infrautilizado e ten o seu futuro ameazado pola disolución da sociedade comarcal da Xunta da que depende.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]