O BNG di que as festas e a programación de verán reflicten o “encefalograma cultural plano” de Solla e o PP

Ponteareas, 12 de setembro de 2012

A concelleira do BNG Hortensia Bautista acusou ao PP, ao Alcalde e ao concelleiro de Cultura e Turismo, Andrés Sampedro, de presentar un “encefalograma cultural plano” e de convertir Ponteareas durante o verán “nun pobo morto, aburrido e no que non hai nada interesante que facer nin que ver”.

Os nacionalistas suliñan que “este ano a programación de verán non foi nin boa nin mala, simplemente non existíu. A vila baleirouse nas noites e nas fins de semana, ante a inexistencia de calquera evento ou actividade cultural ou de ocio e unhas penosas festas patronais, afundindo aínda máis a sectores como a hostelería, o comercio ou o turismo en Ponteareas”.

Segundo Hortensia Bautista, “é un clamor popular que as festas de setembro foron as máis pobres, lamentables e ridículas dos últimos trinta anos”. Segundo a edil do BNG, o responsable deste fracaso é un Alcalde e un partido, o PP, “anclados aínda nos programas de festas do tardofranquismo: misas, procesións e verbenas, e dun goberno municipal que se excusa na crise económica para ocultar a súa crise de ideas e a súa anacrónica mentalidade”.

Os nacionalistas lembran que “mentres outros concellos dos arredores, incluso máis pequenos que Ponteareas, ofrecen desde hai anos eventos variados e de prestixio internacional como festivais de teatro, monicreques, curtametraxes ou documentais, Ponteareas dá pena e lástima porque Solla e Sampedro non dan para máis. O seu patetismo chegou ao punto de que non foron capaces nin tan sequera de consolidar unha simple festa gastronómica como a Festa do Bacallao, un obxectivo ao alcance de calquera parroquia. A falla de ideas incluso levou ao PP a ofrecer como programación visitas ao Museo e ao Convento de Canedo ou a íncluír no programa de festas de Setembro unha ruta de sendeirismo”.

O BNG destaca que “a iniciativa dos hosteleiros organizando un festival de jazz na rúa foi o único que animou Ponteareas neste verán, e é a mostra máis palpable de que sectores como a hostelería e o comercio se ven obrigados a sustituír a un Alcalde e un Concello penoso e sen ideas”. Os nacionalistas critican ademais que “o goberno do PP prestou unha miserable e ridícula axuda aos hosteleiros, pagando uns carteis que supuxeron menos do 10% do presuposto total do evento, e todo por saír na foto”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]