Rouban a plena luz do día en Ponteareas mentres o oficial da policía descarga vallas dun camión de vías e obras

Ponteareas, 7 de setembro de 2012

O BNG de Ponteareas revelou que o pasado xoves 6 de setembro se produciron a plena luz do día, durante a mañá, diversos roubos na vila que afectaron a transeuntes e comercios, “sen que a policía local actuase en ningún intre”.

Segundo os nacionalistas, no intre dos roubos, que se produciron na Praza Maior e no entorno do Mercado Municipal, “estaban de servizo seis axentes, un deles o oficial. Na hora na que se produciron os roubos, o oficial Marcial Cernadas, tal e como afirman numerosas testemuñas presenciais, atopábase enriba dun camión de vías e obras descargando vallas moi perto da zona dos feitos”

O BNG engade que “ademais de non ter actuado en ningún intre, o oficial tampouco deu instrucións aos cinco axentes de servizo para actuar e alomenos poñer en marcha algún operativo de localización dos delincuentes”.

Segundo o BNG, “o oficial da Policía Local adícase habitualmente a labores de vías e obras, tais como a distribución e colocación de vallas ou o pintado de rúas, o que implica unha irregularidade e unha falla de profesionalidade consentida polos seus superiores e o concelleiro de Seguridade, Jesús Fernández”. Os nacionalistas esixen o cese do concelleiro e a apertura dun expediente disciplinario ao oficial, así como a convocatoria das prazas de oficiais aprobadas hai anos e que Solla mantén “conxeladas”

Hortensia Bautista afirma que estes roubos son un exemplo máis da impunidade total coa que actúa a delincuencia en Ponteareas como consecuencia da incompetencia do Alcalde e Jesús Fernández para dirixir eficazmente á Policía Local. A edil do BNG asegurou que “o PP convertíu Ponteareas nun paraiso para a delincuencia, en Ponteareas prodúcense con frecuencia roubos a plena luz do día, en vivendas e comercios, e incluso nas inmediacións do propio concello”.

A concelleira nacionalista denunciou que “Solla sigue ocultando os datos sobre a delincuencia en Ponteareas solicitados polo BNG” e afirmou que “Jesús Fernández debe demitir ou ser cesado polo desastroso funcionamento da policía e a grave inseguridade cidadán que se vive no Concello”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]