O BNG acusa a Villar de “mentir para ocultar a súa incapacidade e a súa decisión de manter o tinglado do PP”
Ponteareas, 7 de xullo de 2012 O BNG acusou á concelleira de Facenda, Belén Villar, de mentir descaradamente unha vez máis en relación co plan de axuste. A edil do PP afirmou que non existe unha comunicación oficial nin definitiva do Ministerio rexeitando o Plan de Axuste e que tratará de reconducir a proposta para que saia adiante. Porén, o BNG asegura que si “existe comunicación oficial e definitiva recibida no Concello por vía telemática. É máis, o comportamento penoso de Villar queda en evidencia porque o 3 de xullo o Ministerio informou publicamente na súa web do número de concellos aos que se lles aprobou o plan e aos que se lles rexeitou”.
Os nacionalistas, a través de Xosé Represas, remitíronse á normativa e notas oficiais do Ministerio de Facenda. Represas engade que o Ministerio informou publicamente o día 3 que “na repesca se remitíu a documentación de 240 corporacións das que 178 se consideraron favorables e 62 desfavorables, entre os que se atopa Ponteareas”
Por parte do MEH engádese que o período de repesca ao que se acolleu Ponteareas rematou o 15 de xuño e pretendía que eses concellos “puideran evitar a retención na participación de ingresos do Estado”. A mesma nota deixa moi claro que polo Ministerio “se elaborará a relación de entidades locais que poderán formalizar a operación de préstamo e a remitirá ao Instituto de Crédito Oficial (ICO) CON DATA LÍMITE DO 5 DE XULLO. Esta a facilitará ás entidades de crédito para formalizar as operacións de préstamo (…)”.
Ante estes datos oficiais, Xosé Represas adiantou que é “lamentábel que teñamos unha concelleira de Facenda que minte para esconder a súa incompetencia e a súa vontade de non recortar nin un euro no tinglado do PP. Mentíu cando deu os datos da débeda, ocultando 5 millóns de euros, e agora minte para non recoñecer que o seu plan foi tumbado polo Ministerio que dirixe o seu propio partido. Se tivera un pouco de dignidade tería presentado xa a súa demisión”.
O líder da oposición adiantou que “Ponteareas quedou fora da lista de concellos que poden formalizar un préstamo con dous anos de carencia, polo que o Estado comezará de inmediato a reter o diñeiro ao Concello colocándoo ao borde da suspensión de pagos.