O BNG responsabiliza a Solla dunha nova condena xudicial por importe de case 50.000 euros

Ponteareas, 6 de setembro de 2012

O BNG de Ponteareas, a través do seu Portavoz Municipal, Xosé Represas, responsabilizou ao Alcalde, Salvador González Solla, dunha nova condena xudicial pola que o Concello de Ponteareas deberá abonar a unha empresa 50.000 euros en concepto de intereses de demora, un 32%, polo impago dunha débeda de case 150.000 euros.

A sentenza ten a súa orixe nunhas obras realizadas na Escola Infantil en 2005 e 2007, baixo o mandato de Solla. Represas indica que “o coste das obras, 150.000 euros, non foron pagadas polo Alcalde, a pesares de estar subvencionadas pola deputación case integramente. Solla desviou os cartos para outros fins, a empresa demandou ao Concello e o xulgado condeouno a pagar 150.000 euros e, agora, 50.000 máis en concepto de intereses de demora e costas procesais”.

Represas insistíu en que “Solla e o PP son un perigo público para os ponteareáns, non fan máis que seguir afundindo o Concello coa súa incapacidade e incompetencia, pretendendo logo que os veciños paguen do seu peto as súas irresponsabilidades”.

Esta condea xudicial súmase a outra por importe de case 20.000 euros por realizar verquidos ao Tea ou á perda de 50.000 euros de subvención para o Centro de Información á Muller por non presentar a documentación. Represas salienta que “nos últimos dous meses entre sentenzas e subvencións perdidas, a incompetencia de Solla, Villar e o PP costaron aos ponteareáns 120.000 euros”. Represas reiterou o chamamento do BNG aos veciños para que “castiguen nas eleccións autonómicas as irresponsabilidades de Solla e do PP e para que os comicios sexan un clamor veciñal esixindo a demisión de Solla e o seu goberno, para que non sigan causando máis dano a Ponteareas”.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]