O BNG pedirá aos ponteareáns que censuren ao PP e esixan a demisión de Solla o 21-O nas urnas

Ponteareas, 3 de setembro de 2012

O BNG anunciou este luns que pedirá aos ponteareáns que “aproveiten as eleccións autonómicas para dar un voto de castigo a Solla e ao PP por levar a Ponteareas á bancarrota”. Segundo os nacionalistas os comicios do 21 de outubro son “unha oportunidade inmellorable para expresar nas urnas o rexeitamento aos 30 anos do PP en Ponteareas e para pedir a demisión do actual Alcalde, González Solla”.

O BNG afirma que nas eleccións autonómicas “os veciños poderán censurar ao PP de Ponteareas e a Solla e esixirlles democraticamente que se vaian para casa para non seguir causando máis dano ao Concello e aos ponteareáns”. Segundo os nacionalistas, “a mellor forma de censurar nas urnas ao PP será retirándolle o apoio e apostando masivamente polo BNG, a principal oposición e a única alternativa forte e fiábel ao PP en Ponteareas”

O BNG lembra que “ademais de Solla, tamén participaron nesa xestión nefasta para Ponteareas os exalcaldes José e Nava Castro, esta última directora xeral de Comercio na Xunta. Un voto de castigo dos ponteareáns para desaloxar ao PP da Xunta o 21 de outubro, tamén servirá para que Nava Castro asuma a súa responsabilidade política no desastre que o PP provocou en Ponteareas”.

O BNG advirte ademais que “a Xunta de Feijoo tamén ten responsabilidade na crítica situación na que se atopa Ponteareas, pois se nega a asumir servizos da súa competencia como a Escola Infantil, o Conservatorio ou os Bombeiros mentres sigue despilfarrando cartos públicos na Cidade da Cultura”.

Para afrontar o reto electoral do 21 de outubro, o BNG designou ao exportavoz municipal, Roberto Mera, como responsábel da campaña en Ponteareas. Mera dirixirá a comisión electoral dos nacionalistas formada pola responsábel local Alba Fidalgo, a responsábel de organización, Cristina Fernández e a concelleira Verónica Carrera. Os nacionalistas anunciaron que as eleccións autonómicas serán afrontadas polo BNG de Ponteareas “como se dunhas eleccións municipais se tratase. Volcarémonos coa mesma intensidade que nunhas municipais porque o noso obxectivo será contribuír a un cambio en Galicia e que ao mesmo tempo os veciños manifesten nas urnas o rexeitamento ao PP e Solla polo desastre que causaron en Ponteareas”, afirmaron.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]