O BNG acusa a Solla de confundir aos provedores e aclara que cobrarán as súas facturas

Ponteareas 16 de Abril de 2012. O portavoz municipal do BNG, Xosé Represas, lembrou hoxe aos autónomos e pequenas e medianas empresas que teñen de prazo até ó 20 de abril para reclamar directamente no Concello o cobro das facturas que teñan pendente de pago. Con esta advertencia Represas pretende “aclarar a confusión creada polo goberno do PP e Solla que queren dar a entender que o rexeite do Plan de Axuste no último pleno impide o pago das facturas atrasadas, algo que é falso. Os provedores que reclamen antes do 20 de abril cobrarán as súas facturas directamente do Estado”.
Segundo o Portavoz nacionalista, agora Solla e o PP, ao ver rexeitado o seu plan de axuste “o que queren é que as empresas e autónomos non soliciten o cobro das facturas porque cantos menos soliciten menos diñeiro lle descontará o Estado ao Concello e máis diñeiro terán no goberno local para seguir despilfarrando”. Neste sentido Represas animou aos provedores “a estar moi atentos e a informarse ben, para evitar enganos e asegurarse o cobro das súas facturas a través do Estado”.
Os nacionalistas salientan que “o rexeiteo polo pleno do plan de axuste que o PP non quixo consensuar cos demais grupos, vai significar que o Concello reciba só a metade dos cartos que cada mes aporta o Estado a Ponteareas, pois coa outra metade o Estado irá recuperando a cantidade pagará aos provedores impagados polo Concello, un dos máis endebedados de Galicia, con 10 millóns de euros adebedados a provedores”.
Represas responsabiliza desta situación ao PP e Solla “pois foi este partido quen durante 30 anos xerou esta tremenda débeda e porque agora gobernando en minoría foi incapaz de alcanzar o acordo e o consenso co resto dos grupos para un plan de saneamento e aforro”. Fronte á incapacidade do PP e Solla para chegar a acordos con outras forzas Represas tendeu a man “ao resto das forzas da oposición, especialmente ao PSOE, para acadar un acordo que dea a Ponteareas un goberno maioritario e estable que poda aprobar un plan de saneamento económico, o plan urbanístico, os presupostos e outras medidas moi necesarias para o ben dos veciños e veciñas”. Xosé Represas engadíu que “a oposición non pode condear a Ponteareas a ter durante catro anos un goberno do PP en minoría, incapaz de aprobar e adoptar medidas e totalmente paralizado e bloqueado. A responsabilidade da oposición, segundo Represas, “é ofrecer unha alternativa polo ben de Ponteareas e por iso o BNG sigue aberto a formar goberno”.


