O BNG advirte ao PP que racionalizar a administración non pode ser un "eufemismo" para xustificar privatizacións

Santiago de Compostela, 8 Maio 12.- O deputado do G.P do BNG, Allfredo Suárez Canal, criticou hoxe o Plan de Racionalización da Administración presentado en pleno polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, por non se basear en criterios obxectivos senón en “eufemismos” para agochar, tras a suposta racionalización, privatizacións e perda da capacidade de actuación da Xunta no ámbito público.

Suárez Canal advertiu que o sentido dos procesos de racionalización ten que ser o de optimizar recursos pero non a busca da “política do titular” e lembrou que de haber vontade política o actual goberno xa tería eliminado boa parte dos entes que agora din que van suprimir, pois 35 deles legalmente xa foron eliminados durante a pasada lexislatura.

Para o deputado nacionalista, o goberno do PP non pode presumir de iniciar un proceso que se puxo en marcha durante o bipartito e que por “sectarismo” non se retomou até o de agora, que coa escuda da crise quere levarse máis alá e aproveitar para debilitar a capacidade de actuación no público, afirmou.

Banca Pública

Neste sentido, Suárez Canal reivindicou esta presenza pública en servizos básicos, servizos estratéxicos e instrumentos de control,”por iso defendimos a pervivencia dunha Caixa galega e non entendemos que a Xunta fora cómplice da extinción da mesma”.

“Entenderán –continuou- que defendamos agora unha banca pública como instrumento fundamental para ter capacidade de intervención nun sector como o financieiro, e para que non se deriven así todas as decisións ao mercado e ás grandes corporacións financieiras”.

Kramer contra Kramer

O parlamentar do BNG concluiu reitarando que con esta filosofía, coa de privatizar servizos, o goberno do PP non contará co respaldo nacionalista na súa política de racionalización, e no que si poden coincidir, como en eliminar a administración paralela, insistiu nos pasos importantísimos que se deron na lexislación anterior.

“Non lles colguen vostedes o morto a ningúen e asuman que vostedes mesmos están a pasar factura á nefasta xestión dos gobernos anteriores do PP. Están vostedes como na película, kramer contra Kramer, o PP contra o PP, que foi quen impulsou no pasado esa administración paralela”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]