O Parlamento debaterá este martes instar ao goberno español a solucionar a crise do naval
Vigo, 4 maio 2012.- O Pleno do Parlamento de Galiza debaterá este martes unha proposición non de lei do BNG pola que se insta ao Goberno do Estado a buscar dunha vez unha solución definitiva á crise do sector naval.
O deputado do BNG e autor da iniciativa, Henrique Viéitez, critica a falta de compromiso político do goberno de Feijoo para solucionar o problema da paralización do tax-lease, que manterán paralizado o sector naval da ría de Vigo, e xa ten provocado centos de despedimentos.
“Cando o anterior goberno central era do PSOE a culpa era del, e agora que o goberno é do PP, Feijoo di que é culpa de Bruxelas e de Almunia. Cal é a razón do cambio? Acaso hai un pacto para cargarse o naval do que participan PP e PSOE?”, pregúntase o deputado nacionalista.
Ademais, o deputado do BNG, critica a “incompetencia e falta de palabra do conselleiro de Economía e Industria, que se comprometeu en xaneiro a ter unha solución, logo dixo que para abril, e agora que?”.
Viéteiz denuncia tamén que “dende o Goberno Central nin sequera enviaron unha proposta por escrito e seria a Bruxelas, nin antes co PSOE nin agora co PP”.
A este respeito, o deputado nacionalista recoñece que “a única responsabilidade política tena agora o PP que nin con goberno amigo é capaz de solventar o problema dun sector básico e que esta nun punto no que pode desaparecer”
Texto da iniciativa
A iniciativa do BNG que se debaterá no Pleno da Cámara Galega insta á Xunta de Galiza a que se dirixa ao Goberno do Estado para:
-Solicitar da Unión Europea que permita o mantemento do sistema de arrendamento fiscal (tax lease) na realización de contratos para a construción de buques utilizado até o de agora ou, en todo caso, un transitorio en tanto en canto non se resolva o procedemento iniciado pola Comisión Europea contra do sistema aplicado no Estado español.
-Negociar coa Comisión Europea a resolución do procedemento iniciado contra do sistema de arrendamento fiscal español, mediante un mecanismo pactado entre ambas partes e que contemple o carácter estratéxico do sector naval.
-Esixir á Comisión medidas e actuacións máis directas para protexer a este sector ante a falta dun acordo internacional que logre eliminar as prácticas desleais e evitar situacións de distorsión da competencia.
-Habilitación de mecanismos de financiamento para este sector sendo, entre outras medidas, a prórroga máis aló do 2011 das accións do marco comunitario aplicable ás axudas estatais á construción naval.
-Posta en marcha de garantía de medidas en materia de mantemento do emprego, evitando despedimentos precipitados ao obxecto de preservar os postos de traballo e reter a man de obra altamente cualificada.
-Adopción de medidas directas e decisivas para fomentar a construción de buques especializados e de alta tecnoloxía.