Ana Pontón pide a Feijóo un cambio de rumbo da súa "política suicida"

Santiago de Compostela, 2 Maio 12.- A portavoz do G.P do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe que aproveitará a próxima sesión de control ao presidente para dar voz ao “clamor social” que está a reclamar un cambio de rumbo nas políticas de Feijóo, que permita a creazón de emprego e saír da situación límite na que están vivindo grande partes dos sectores produtivos do País.

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, lembrou que o BNG leva tempo advertindo sobre as consecuencias da “política suicida” do PP, que está a provocar uns níveis alarmantes de desemprego,insoportábeis para calquera sociedade, e a ruina do tecido produtivo galego.

“Nós xa lle dixemos que era necesario un cambio de rumbo –engadiu- pero cada vez llo está a dicir tamén un maior número de cidadáns, como os milleiros de persoas que saíron onte á rúa, o 1 de Maio, para reclamar un posto de traballo digno”.

O PP evita que Feijóo compareza

Para Pontón, o presidente da Xunta non pode seguir facendo ouvidos xordos a este clamor nin á voz dos cada vez máis numerosos organismos internacionais que tamén alertan sobre a “trampa da austeridade” e sobre o “fanatismo” dos recortes e do control do gasto público, como medidas que só traen consigo máis afondamento na crise.

Neste contexto, a voceira nacionalista lamentou que o grupo do PP se opuxera á petición conxunta de BNG e PSdeG para que o propio Feijóo compareza na Cámara para dar conta no próximo pleno do impacto en Galiza dos recortes impostos por Rajoy.

A parlamentar reiterou que os reais decretos aprobados polo goberno do Estado son un ataque sen precedentes aos dereitos sociais e ao autogoberno, “e o mínimo en democracia –dixo- é que o presidente da Xunta explique en sede parlamentar uns feitos tan graves”.

Fóra da realidade

A voceira nacionalista lamentou que mentres Feijóo e o PP “ningunean” a Cámara e “foxen” do control parlamentar para poder sacar adiante estas novas medidas de recortes pola “porta de atrás”, as comparecencias previstas polo goberno sexan do conselleiro da Presidencia, para falar da racionalización da administración, e do conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras, para falar de rehabilitación.

“Está claro que este goberno vive fóra da realidade e que os problemas que verdadeiramente preocupan á maioría social do País, como o paro, as restricións en sanidade, en educación... non forman parte da súa axenda”.

Recortes, lingua e sector naval

Fronte aos recortes, Ana Pontón explicou que o BNG defenderá unha moción e unha proposición non de lei para que non se apliquen en Galiza, nin os relativos ao ensino nin á sanidade.

En defensa dos sectores produtivos do País, a deputada do BNG anunciou o debate dunha proposición non de lei para que a Xunta se implique na búsqueda dunha solución rápida para o futuro do tax lease e, por tanto, do sector naval.

“Un País non se pode gobernar a golpe de titulares”, criticou e acusou a Feijóo de facer demasiadas declaracións de intencións sobre o sector pero poucas xestións que verdadeiramente signifiquen unha saída para o naval.

A defensa da lingua galega, fronte á “política lingüicida” do PP, o futuro de Ence-Elnosa, o impacto da suba da enerxia en fogares e empresas e o descenso dos fondos para a lei de dependencia son outros dos asuntos que abordará o BNG no pleno.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]