O BNG reclama a dimisión do director da CRTVG
Bieito Lobeira denuncia a utilización dos medios públicos para “combater o nacionalismo” tentando magnificar as cuestións da vida interna do BNG
Santiago de Compostela, 27 Abril 12.- O deputado do G.P do BNG Bieito Lobeira asegurou hoxe que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, non reúne as condicións democráticas para exercer o seu cargo, polo que reclamou a súa dimisión.
Lobeira explicou que a actuación do director xeral tras a entrada nos edificios da TVG de manifestantes afectados pola fraude das preferentes así como as accións emprendidas contra os traballadores son motivos sobrados para pedir a dimisión de Sánchez Izquierdo.
“Mais o seu comportamento de hoxe en comisión –engadiu- aínda nos ratifica máis na nosa postura, que vostede non reúne as condicións para estar no seu posto e dende logo non ten a confianza do BNG para exercelo”.
Retirar expedientes informativos
O deputado nacionalista censurou así a resposta do director xeral a unha pregunta do BNG sobre este asunto, pois Sánchez Izquierdo realmente eludiu entrar nos temas concretos que prantexaba Lobeira e non se comprometeu nin a retirar os expedientes informativos abertos aos traballadores nin a retirar as accións legais contra os manifestantes.
Asemade, o director xeral tampouco aclarou de quen é a responsabilidade de deseñar os protocolos de seguranza do ente público nin recoñeceu que o Comité de Empresa lle pediu unha reunión para falar dos feitos ocorridos.
“Vostede non só non resposta –lamentou Lobeira- senón que ademais minte”, e para demostralo o deputado ensinou unha copia da petición de entrevista do Comité, que Sánchez Izquierdo dixo que nunca fora convocado á mesma.
Actitude covarde
Para o parlamentar do BNG, a actitude do director da televisión e radio públicas foi “covarde” e “patética” e lembroulle que a súa responsabilidade é facer fronte aos conflictos non fuxir deles e moito menos criminalizar aos traballadores, “que non son responsábeis de que a policía chegue tarde, nin de que fallaran os protocolos de seguranza nin moito menos de que vostede fuxira pola porta de atrás”.
Bieito Lobeira, nun tenso debate que obrigou á presidenta da comisión a suspender a sesión uns minutos, criticou igualmente a “burda” e “tosca” manipulación da noticia da TVG sobre a marcha convocada polo Comité baixo o lema, precisamente, “Nin represión, nin manipulación”.
Manipulación
O deputado amosou, por un lado, unha fotocopia coa convocatoria da marcha, e por outro, unha das imaxes da noticia da televisión, na que se falaba de que os traballadores da CRTVG participaron nunha convocatoria en apoio dos afectados pola fraude das preferentes.
Este punto tamén deu lugar a debate e a que o BNG formulara unha queixa formal porque se lle impediu facer fotocopias en cor para poder distribuir entre os membros da comisión.
Combate ao nacionalismo
Por outra parte, Bieito Lobeira amosou o total rexeitamento do BNG á “combate ao nacionalismo” que se está dando dende a radio e televisión pública a través da “deformación informativa” de todo o que ten a ver coa vida interna desta formación política.
O deputado nacionalista formulou unha pregunta neste sentido e ironizou co feito de nunha se falou tanto do BNG nos medios públicos como dende a Asemblea Nacional, “e logo se di que somos unha organización minoritaria, sen interese informativo”.
Para o parlamentar, mentres apenas se informa do proceso de degradación e empobrecemento da sociedade galega, do desgaste social e laboral do PP, da reforma laboral ou da folga xeral, se promove a imaxe, “tan funcional para o PP”, de forza política rota e dividida, carente de iniciativa e eternamente sumida nun debate interno.
Pola súa parte, para xustificar a “correción” deste tratamento do ponto de vista profesional, Sánchez Izquierdo chegou a falar dunha entrevista á nova voceira do G.P do BNG, Ana Pontón, que nunca tivo lugar.
“Resulta patético tal nível de subordinación e obediencia dos medios públicos á estratexia do PP, disposto a utilizar calquera método para combater o nacionalismo”, concluiu o deputado.