O Goberno converte a Fundacición Cela en pública, vai asumir a Xunta as súas débedas?
Ana Pontón lembra que a Fundación acabou na ruina por culpa dunha xestión neglixente e agora a Xunta lle dá un “trato de favor”
Santiago de Compostela, 26 Abril 12.- A parlamentar do G.P do BNG, Ana Pontón, cuestionou hoxe o acordo do Consello da Xunta polo que se integra no sector público a Fundación Camilo José Cela e quer saber se con esta decisión o goberno galego está asumindo as débedas desta institución.
Ana Pontón lembra que se está a falar dunha fundación privada que aínda ten importantes débedas froito dunha xestión nefasta, “totalmente despilfarradora”.
Para a voceira nacionalista, a decisión da Xunta supón dar un “trato de favor” a unha entidade que acabou na ruina por culpa da neglixencia de quen estaba á fronte da súa xerencia, con salarios millonarios, e recorda que xa no seu momento axudouna a agochar os buratos e tapalos con fondos públicos.
Neste contexto, a parlamentar quer saber tamén en que quedou a investigación que se ía abrir, logo dun acordo unánime no Parlamento, sobre a dita xestión. “Botamos en falta máis transparencia e sóbranos oscurantismo neste acordo”, engadiu.
A parlamentar considera que non é de recibo que o goberno do PP prefira destinar fondos a apoiar unha figura que realmente non pertence ao sistema cultual e literario galego mentres deixa esmorecer e desatende a Cultura do País.
Neste sentido, Pontón cre que a Xunta está incurrindo nunha contradición, pois mentres “se lle enche a boca dicindo que recorta en chiringuitos e administración paralela, ao tempo está adoptando este tipo de decisións, que supoñen o incremento das fundacións públicas”.