O Decreto de Educación invade as competencias de Galiza
Para a deputada do BNG, Carme Adán o ensino galego non pode sumar novos recortes aos aplicados polo PP na Xunta durante tres anos de Goberno
Santiago de Compostela, 25 de abril , 2012.Pleno. A portavoz de educación do BNG, Carme Adán interpelou hoxe, en sesión plenaria, ao Goberno galego pola xestión educativa da Xunta durante tres anos de Goberno do PP en Galiza e o anuncio formulado polo do Goberno de Rajoy para aplicar novos recortes no ensino público.
Na súa intervención, a nacionalista instou ao Goberno galego a rexeitar o Decreto de Educación destinado a suba das taxas de matricula universitaria.
Neste sentido, formulou unha pregunta ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez sobre a disposición do Goberno galego a cumprir o anuncio de Núñez Feijoo cando afirmou que as taxas, “subirán relativamente”. O titular de Educación eludiu responder sobre a cuestión.
Compromiso de non incrementar o alumnado nas aulas
Por outra parte, a deputada tamén instou a Vázquez a pronunciarse sobre o incremento do alumnado nas aulas. Pola súa parte, o titular de Educación comprometeuse na Cámara galega a non aplicar este incremento.
No transcurso do debate da Interpelación nacionalista, Adán afirmou que o decreto de educación representa “un cambio de modelo educativo” e acusou ao conselleiro de “ apostar polo ensino privado” ao conceder 17 millóns para concertos de colexios que segregan ao alumnado por sexo, “con esa cantidade podería vostede pagar ao profesorado que eliminou”, sentenciou.
Asemade, engadiu que foron gastados seis millóns de euros no cambio de libros de texto de matemáticas en galego ao castelán que, ao seu xuízo, tamén puideron ser utilizalos para pagar as baixas do profesorado, “iso si, -afirmou-, sería calidade educativa e non tirar os libros de texto ao lixo”.
Recortes de 400 millóns de euros en tres anos
A deputada tamén se referiu aos recortes no ensino público aplicados polo PP en Galiza, “400 millón de euros nos últimos tres anos” e criticou que os recortes sexan xustificados pola “austeridade” cando en realidade, responden ao incumprimento dos obxectivos do déficit do ano 2011 que ascende ao 1,6% do PIB pero vostedes, recalcou, en troques de recoñecelo, “culpabilizan aos demais” e despois “maquillan e enmascaran” a súa política económica errada.
A parlamentaria concluíu lamentando as consecuencias dunha xestión educativa que cualificou de “lesiva” porque hipoteca o futuro do ensino e a calidade educativa pública en Galiza.