Pontón pide a Feijóo que compareza nun pleno extraordinario e impugne os recortes impostos polo Estado
“Estamos ante uns feitos sen precedentes, un auténtico golpe de estado contra a democracia, o benestar e o autogoberno"
Santiago de Compostela, 25 Abril 12.- A portavoz do G.P do BNG, Ana Pontón, reclamou hoxe a convocatoria dun pleno extraordinario para que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e dea contas dos efectos que van ter os novos recortes en Sanidade e Educación en milleiros de persoas.
Ana Pontón, na sesión de control ao goberno en pleno, advertiu que as “inxustas” medidas que está a adoptar o goberno do Estado e que a Xunta asume con sumisión constitúen uns feitos sen precedentes, son un auténtico “golpe de Estado contra a democracia, o benestar e o autogoberno”.
Para a deputada nacionalista, malia que Feijóo tentou xustificar a lexitimidade democrática destas medidas en base á maioría absoluta do PP, o aval democrático das urnas o dá cumprir o programa de goberno que se presenta en campaña, e o PP en campaña prometeu xusto o contrario do que está facendo.
“Dixo que non ía tocar as pensións, a sanidade e o ensino e ao final está subvertendo o modelo social do benestar e está dinamitando o autogoberno de Galiza” , engadiu.
Frivolidade e enganos de Feijóo
A parlamentar nacionalista lamentou a “frivolidade” coa que Feijóo enfronta o debate e preguntou onde quedou a solvencia dos orzamentos galegos, “se Galiza é solvente e ten uns orzamentos que blindaban a sanidade e a educación, por que razón vai aplicar vostede as medidas que unilateralmente decidiu o goberno central”.
Ana Pontón pediu ao presidente da Xunta que deixe de enganar aos cidadáns e se comprometa en sede parlamentar a defender as competencias galegas, impugnando os recientes decretos do Estado que tan lesivos son para este País, dixo.
Asemade, reclamoulle que exerza como titular do executivo galego e se negue a aplicar uns recortes que só van producir máis desigualdades e máis probreza.
Competencias transferidas
A deputada lembrou que é falso que haxa que aplicar estas medidas, pois as competencias están transferidas á Xunta e é mentira tamén que sexan xustas e imprescindíbeis para o mantemento dos servizos públicos.
“A realidade é que son inxustas e constitúen unha bomba nos alicerces da sanidade e da educación pública e vostede sabe perfectamente que é así, por iso se agocha e non comparece no Parlamento”.
Non hai gasto desmadrado das autonomías
Pontón concluiu negando igualmente que haxa un problema de gasto desmadrado das autonomías e que o problema sexa o déficit público, pois, por exemplo, en 2011, o déficit do Estado foi dun 60 por cento fronte ao 34 por cento das autonomías.
Malia estes dados, os obxectivos de redución de déficit para 2012 son que o Estado só reduza un 20 por cento fronte a un axuste de case o 50 das autonomías, explicou a deputada, quen asegurou que esta decisión “non é neutral”.
“Trátase –engadiu- de crear o escenario para xustificar a política de recortes, unha política que responde a razóns ideolóxicas: vostedes non acreditan nos servizos públicos e na súa universalidade”.