O BNG pide o "cese inmediato" do conselleiro de Industria por incumprir os compromisos co Sector naval en Ferrol

Fernando Branco  acusou ao PP de seren o “Cabalo de Troia” contra Navantia e os sectores produtivos de Galiza

Santiago de Compostela, 24 de abril  , 2012. Pleno- O portavoz de Industria do BNG, Fernando Branco, a través dunha Moción ao Goberno galego, solicitou o “cese inmediato” do titular de Industria, Javier Guerra por incumprir os seus compromisos co sector naval de Ferrol.

A moción nacionalista, rexeitada polo Partido popular, reclamaba  asumir as negociacións co Goberno do Estado co fin de acadar  “carga de traballo e a construción do dique flotante” nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol.

O deputado do BNG acusou ao Partido popular de xogar o papel con Navantia de “Cabalo de Troia” ao igual que  cos intereses de Galiza e os sectores produtivos.

Para o nacionalista, o Goberno de Madrid non atende as reclamacións do Goberno galego porque, en realidade, ao PP,-dixo-, “non lle importa” o que ocorra en Ferrol e a súa  comarca. O Partido popular, -engadiu-,  está máis preocupado da perda do 20% “dos accionistas de Repsol” que da  “crítica situación económica”  de Ferrol.

Acordos incumpridos

Na súa intervención, Branco Parga aludiu ao compromiso do Presidente da Xunta, “contrato con Ferrol” anunciado en abril de 2009, compromiso que a día de hoxe, “non foi cumprido” polo que pediu presentar, de xeito inmediato, o proxecto de Centro de Reparacións Navais na ría de Ferrol como contemplaba este contrato.

Ademais, lembrou que o pasado 29 de febreiro foi aprobada, por unanimidade no Parlamento galego, unha proposta  a instancia do BNG, para presentar o Plano industrial anunciado no 2009 e o cumprimento da Lei do Sector Naval de Galiza aprobada no 2010, pero “ningunha das iniciativas recollidas no acordo foron cumpridas”, afirmou.

O nacionalista recriminou “a inacción” do Partido popular para resolver  a ausencia de traballo en Navantia  e negou que a  crise económica sexa a única causante desta circunstancia,  “ que Navantia non constrúa, non lle preocupa ao PP”  asegurou, o Presidente da Xunta minte cando anuncia contratos con Rusia, Venezuela e agora con México, estamos “cansos” de anuncios que ao final non se cumpren, concluíu.
 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]