Transferir á Xunta a participación do Frob en NGB, o futuro desexábel para a entidade

O BNG pedirá no pleno de mañá esta transferencia como paso previo á conversión de NGB nunha entidade pública de crédito

Santiago de Compostela, 23 Abril 12.- A portavoz do G.P do BNG, Ana Pontón, afirmou hoxe que a clave para o futuro de Nova Galicia Banco non é que esta se venda a fondos estranxeiros senón que se transfira á Xunta a participación que ten o FROB na entidade, para así ter capacidade para poder convertela nunha entidade financeira pública galega.

Ana Pontón asegurou, na rolda de prensa posterior á reunión de grupo, que este é o debate real que se debe dar entorno a Nova Galicia Banco, por iso  o BNG defenderá no próximo pleno unha proposición non de lei neste sentido, fronte á falta de iniciativa e de peso político que está demostrando Feijóo neste asunto.

Banca Pública

Para a voceira nacionalista, dispor de instrumentos financieiros propios é fundamental para calquera estratexia de recuperación económica, “a concentración do sector bancario non vai ser solución nin para as familias nin para as Pemes”, advertiu, “e se Galiza non conta con este tipo de banca pública vai ter moito máis difícil saír da crise”.

Pontón reiterou que todo o que está acontecendo respecto da bancarización das ex caixas galegas foi agoirado polo BNG á vista dos pactos que foron asinando PP e PSOE no Estado para a reestructuración do sistema financieiro e confirma o “fracaso” de Núñez Feijóo á hora de defender os intereses de Galiza.

Fraude Preferentes

A  iniciativa nacionalista tamén inclúe un punto para buscar solucións aos afectados pola fraude das preferentes, para obrigar ao presidente da Xunta a que deixe de agocharse  e de “criminalizar” ás persoas vítimas da estafa bancaria e se poña do seu lado, para que poidan recuperar o 100 por cento do seu aforro.

Recortes en Sanidade e Educación

Sobre os recortes en Sanidade e Educación, a portavoz parlamentar insistiu en que son unha “estafa social” que carece de lexitimidade democrática e, na súa opinión, son un “fraude” até para os propios votantes do Partido Popular, pois as decisións do goberno de Rajoy van na dirección contraria ao que prometeron en campaña.

Ana Pontón asegurou que é mentira que os servizos públicos en España non teñan viabilidade, pois é un dos estados que menos gasta en política social, e anunciou que o BNG traballará para que o PP non continúe na estratexia de desmantelamento de servizos esenciais que son viabeis para privatizalos.

Respecto dos recortes, a deputada nacionalista engadiu que Feijóo ten que dar contas de se estivo mentindo durante estes tres anos ou non, pois sempre afirmou que en Galiza non se debían aplicar novos recortes porque xa se adiantara a facelos e agora os asume sen rechistar.

Medios Públicos

Para concluir, non quixo pasar por alto a situación que están atravesando os medios públicos, denunciada o pasado Sábado nunha marcha convocada polo Comité Intercentros de CRTVG.

Ana Pontón considera que o presidente da Xunta tamén debe aclarar se comparte a manipulación e represión denunciada polos traballadores do ente, “que pon en entredito o papel duns medios que pagamos todos os galegos”.

Neste sentido, cualificou de moi graves os cambios anunciados tamén na lexislación do Estado, que confirman o que ven denunciando o BNG dende hai tempo, que a verdadeira reforma que persigue o PP dos medios públicos é maior control gubernamental e a súa privatización, perante o que urxe unha blindaxe, afirmou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]