Lobeira denuncia políticas "insensatas" contra a frota pesqueira galega

O deputado do BNG, Bieito Lobeira  alerta de posibles “sancións” e retirada de licencias de pesca  por mor duns criterios contrarios á realidade do sector pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 20 de abril  , 2012. O deputado do BNG, Bieito Lobeira formulou hoxe unha pregunta parlamentaria en comisión sobre as medias que porá en marcha o Goberno para atender as demandas da frota galega  e o sector pesqueiro.

Na súa intervención, o nacionalista lembrou que no mes de febreiro buques de diversos portos puñan en marcha accións de protesta encamiñadas a denunciar a situación “crítica” que está a atravesar o sector pesqueiro entre as que destacou o amarre de 30 buques pesqueiros no porto da Coruña.

Neste sentido, preguntou polos compromisos adquiridos pola Xunta para resolver as consecuencias do método para o control da actividade pesqueira e que propiciou as protestas da frota galega en diversos portos.

Lobeira explicou que a normativa vixente sobre o  control da actividade pesqueira non contribúe a mellorar os recursos porque fixa a actividade pesqueira baixo criterios “insensatos”,  como os denunciados pola  frota nas súas protestas.

Normativa contraria á realidade pesqueira

Asemade engadiu que, a normativa comunitaria sobre a posta en marcha do diario electrónico a bordo nas embarcacións pesqueiras de máis de 12 metros de eslora que faena fundamentalmente no litoral galego, “debe efectuar unha espera de catro horas para informar das capturas antes de entrar en porto” obrigando a parar no mar as embarcacións e sen actividade.

Por outra parte, tamén criticou a “fixación obsesiva” coa que se está a levar o sistema de inspección a bordo dos buques por efectivos da Garda Civil e funcionarios do Goberno español que provocan inspeccións de moitas horas que mesmo chagan a  interromper o proceso de frío coas consecuencias negativas que isto provoca nas capturas.

Medidas sancionadoras

O deputado considerou que tanto o diario electrónico como as inspeccións provocarán a retirada de licencias de  pesca ao superar os puntos das sancións e denunciou que “algúns erros de tipo informático” engadirán problemas ao novo sistema sen que as confrarías ou traballadores do sector pesqueiro galego poidan resolvelos cos seus propios medios.

A esta problemática, dixo, hai que engadir a eliminación das axudas no ano 2012 pola parada ao plano da Recuperación da pescada no litoral galego que representa “unha nova eiva” para o sector.

O deputado reclamou adaptar á realidade ao  sector pesqueiro galego e pediu ao director xeral de Competitividade, Juan Carlos Caneiro Cadillo “trasladar ao Goberno do Estado” as inquedanzas e demandas dun sector e frota que,  -na súa opinión-, está a padecer un verdadeiro “acoso e persecución” a través de medidas contrarias ao desenvolvemento  da actividade produtiva.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]