A consellaría de Cultura, tres anos mentindo sobre o CDG?

O novo director, Manuel Guede, asegura que o concurso público para elixir á súa antecesora foi unha "mentira"

Ana Pontón pide explicacións por estas palabras e reclama información sobre as condicións do contrato do novo director

Santiago de Compostela, 19 Abril 12.- A portavoz do G.P. do BNG, Ana Pontón, pedirá explicacións na Cámara sobre o nomeamento do novo director do CDG, Manuel Guede, tanto sobre as condicións do seu contrato como sobre as súas primeiras declaracións, “que son unha auténtica emenda á totalidade á xestión do goberno”.

Ana Pontón considera que o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, presente na rolda de prensa do novo director, ten que aclarar se coincide con Guede en que o concurso público polo que foi elexida a anterior directora, Blanca Cendán, foi unha “mentira”.

Para a deputada nacionalista, se o conselleiro avala estas “desafortunadas” declaracións “está a recoñecer que o Goberno nos estivo mentindo durante estes tres anos. Son uns feitos moi graves que precisan dunha áxil resposta por parte da Xunta”.

“Dende logo –engade- estamos ante unha forma moi novidosa de gobernar, a de que o propio goberno se faga oposición a si mesmo”.

VOLVER AO PASADO

A voceira do BNG considera que a eleción de Guede demostra tamén o fracaso da Consellería na xestión do CDG, pois ten que “volver ao pasado”, ten que recuperar unha persoa que representa unha etapa superada, “sobre a que pesan ademais sombras e dúbidas”, nun momento no que o teatro vive unha situación moi complicada.

A parlamentar recoñece que cómpre agardar a coñecer as liñas de traballo do novo director mais dubida que con este nomeamento se vaia dar o salto adiante que precisa o CDG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]