Parga acusa á Xunta de estar instalada na "propaganda" mentres incumpre os seus obxectivos sobre escolas infantís
O deputado do BNG convida ao director do Consorcio a que lle diga aos pais de Narón en folga de fame “que estean tranquilos”
Santiago de Compostela, 19 Abril 12.- O deputado do G.P do BNG Manuel Parga lamentou hoxe que o actual goberno da Xunta siga instalado na “propaganda” e “publicidade” en vez de asumir e recoñecer o impacto da súa política de recortes no ámbito social, nomeadamente nas escolas infantís de 0 a 3 anos.
Manuel Parga, durante o debate en comisión dunha pregunta do BNG sobre a insuficiencia orzamentaria e de prazas nas ditas escolas, criticou que o director do Consorcio, Roberto Rodríguez, afirmara sen rubor que os pais poden estar tranquilos.
“Dígalle vostede aos pais de Narón, por exemplo, que están en folga de fame ante o posíbel peche da escola, que estean tranquilos. Ou díganos como se pode estar tanquilo cun goberno que pretende expulsar a tres nenos en situación de emerxencia social en Culleredo por non poder pagar a merenda. Até onde chega a súa insensibilidade e afán recadatorio?”, preguntou.
Para o deputado nacionalista, as actuacións da Xunta están sendo moi contraditorias e inzadas de incumprimentos sobre a apertura de novas escolas, moitas delas rematadas ou planificadas polo anterior goberno, o que sumado aos recortes fai imposíbel acadar a ratio dun 33 por cento de prazas determinada pola Unión Europea.
3.500 NENOS E NENAS SEN PRAZA
Neste sentido, lembrou que segundo dados oficiais, no presente curso escolar máis de 3.500 nenos e nenas de 0-3 quedaron sen praza nas escolas dependentes da Xunta.
Os mesmos dados, engadiu, demostran que a ratio de prazas está a 8 puntos do 33 por cento que determina a UE, malia que Galiza ten uns índices de natalidade moi baixos e, por tanto, unha porcentaxe de poboación infantil tamén moi reducida.
“A maiores perdemos poboación e o noso saldo migratorio é negativo”, dixo, e perante esta situación a Xunta anuncia Plans de Rexuvenecemento, de impulso da Demografía ou da Conciliación, “mais coincidirá vostede comigo en que todas estas propostas non cadran cos recortes”.
RECORTES
Parga refrescou á memoria ao director do Consorcio, que negou os problemas orzamentais, e lembrou:
-A supresión do Plan Educa
-A supresión das axudas a familias en situacións carenciais para a preservación dos menores no entorno familiar, que tiñan unha dotación de 1,6 ME en 2010 e xa non foron convocadas en 2011 nin en 2012
-O recorte do 45 por cento das partidas orzamentarias contempladas no porgrama de prestacións económicas ás familias con fillos menores de 3 anos
-O recorte vía copago das partidas para gastos de funcionamento das escolas infantís dependentes do Consorcio, cunha suba das taxas ás familias do 27 por cento.
PLAN DE ACTUACIÓN SOCIAL
O parlamentar do BNG tamén puxo enriba da mesa o incumprimento do Plano de Actuación Social de Galiza 2010-2013. Horizonte 2015, supostamente dotado con 1.911 millóns de euros até o 2013 e coa pretensión de acadar os 2.900 millóns no 2015.
Entre os obxectivos deste plano, explicou, estaban o impulso demográfico a través do fomento da natalidade e a creazón de 4.500 novas prazas a través de novas escolas en distintos concellos do País, “promesas incumpridas, pura propaganda, na maioría dos casos malia os esforzos e reiteradas demandas dos concellos”.