O BNG pregunta polos motivos do traslado de menores do centro de Montealegre ao de Carballeira
A deputada do BNG, Tereixa Paz alerta dunha decisión que pode implicar a privatización dos dispositivos de atención ós menores
Santiago de Compostela, 18 de abril , 2012. A deputada do BNG, Tereixa Paz, rexistrou unha iniciativa parlamentaria pola que interpela ao Goberno sobre a eventual privatización dos servizos de atención a menores, tralo peche do Centro de Menores de Montealegre en Ourense.
A nacionalista salienta que no día de hoxe, coñecemos a través dos medios de comunicación o peche do Centro de Menores de Montealegre e o traslado dos e das menores ao Centro da Carballeira.
Para a deputada, a Consellería de Traballo e Benestar ampara esta decisión na necesidade de obras no Centro de Montealegre máis- na súa opinión- a decisión pode responder á intención de privatizar e externalizar os dispositivos de atención aos menores.
Paz considera que paralelamente á realización das obras, foi modificada a relación de postos de traballo por mor da cal se traslada ao Centro da Carballeira ao persoal fixo e se amortizan todos os postos de traballo cubertos ata ese momento por persoal temporal ou interino.
Ante esta situación, a deputada do BNG preguntará ao Goberno polos “verdadeiros motivos” deste traslado, canto tempo durará, de que natureza serán as obras do Centro de Montealegre e se o traslado dos menores responde a unha estratexia da Consellería de Traballo e Benestar para privatizar e externalizar servizos públicos.