A Xunta debe condicionar calquera solución ao futuro de Nova Galicia Banco a resolver previamente a fraude das preferentes

Aymerich presenta unha proposición non de lei para garantir que os afectados poidan cobrar o 100 % do seu investimento antes de que se resolva o futuro da entidade

Santiago de Compostela, 18 Abril 12.- O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Parlamento unha proposición non de lei instando á Xunta a que condicione calquera cambio da situación accionarial de Nova Galicia Banco á previa solución da fraude das participacións preferentes.

Así o anunciou hoxe en rolda de prensa o voceiro de Economía do grupo nacionalista, Carlos Aymerich, quen advertiu que sexa cal sexa a solución que se lle dá ao futuro da entidade, venda do capital, subasta, entrada de capital foráneo “o primeiro debe ser que os máis de 100.000 afectados galegos reciban o 100 por cento do seu investimento”.

Aymerich lamentou que mentres todos os días se está a falar dende a Xunta, dende a equipa directiva de Nova Galicia Banco e mesmo onte dende o Banco de España das posíbeis saídas para a entidade, os afectados pola fraude das preferentes siguen sendo os grandes olvidados.

Para o deputado do BNG, as dúas solucións que se barallan nestes momentos para Nova Galicia supoñen a consolidación da súa bancarización e que pase a estar en mans privadas.

“Iso si –engadiu-, cun seguro público polas posíbeis perdas dos investidores; mentres compras Nova Galicia Banco ou parte dela, se hai perdas, o Estado cúbreas a través dese seguro, así entra calquera. Non hai cartos para Sanidade nin para Educación pero si para seguir tapando os buratos da banca privada”.

RESPONSABILIDADE GOBERNOS PP

Aymerich criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentara eludir as súas responsabilidades perante os afectados, no pasado pleno, atribuindo o problema ao goberno bipartito.

Neste sentido, lembrou que foi o goberno do PP presidido por José María Aznar o que legalizou a emisión de participacións preferentes no 2003, a través da Lei 19/2003 sobre Réxime Xurídico de movimentos de capital e transacións económicas co exterior.

Esta lei, asegurou, non só legalizou a emisión de participacións senón que concedeu unha “amnistía” ás emisións emitidas con anterioridade dende paraísos fiscais, que estaban sendo investigadas pola fiscalía.

Asemade, recordou que o 28 de Decembro de 2011, co goberno na Xunta do propio Feijóo, se autorizou a actualización dunha emisión de Caixa Galicia por importe de 140 millóns de euros.

COMPETENCIAS DA XUNTA

O deputado do BNG considerou, non obstante, que o debate non debe ser cando se produciu a fraude, pois a responsabilidade é do Mercado de Valores e do Banco de España, pero si hai que asumir que a Xunta ten competencias e debe exercelas.

A este respecto, reiterou que hai exemplos, como o do goberno balear, que sancionaron ás entidas a través do Instituto de Consumo, “algo que en Galiza aínda non ten sucedido”.

CONVIDADOS AO PLENO

A preguntas dos xornalistas sobre as críticas da presidenta da Mesa por supostos altercados nas sesións plenarias, Aymerich afirmou que agarda que non agochen un intento de ir polo camiño da criminalizar os cidadáns e o seu dereito a exercer a liberdade de expresión e a súas reivindicacións.

Lembrou que os afectados polas preferentes mantiveron escrupulosamente a orde durante a sesión de control, só cando rematou esixiron lexitimamente un encontro con Feijoó, “que como presidente de todos os galegos ten a obriga de dar resposta ao seus problemas, os representantes dos cidadáns non podemos ser alleos ao que pasa na rúa”.

Amosou tamén a súa esperanza en que as suxestións da presidenta inclúa a todos os grupos por igual e todo tipo de sucesos e lembrou a “alcaldada”, con Feijóo á cabeza da pancarta,  que se produciu en Novembro de 2005.
 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]