O PP non recorrerá o Decreto de Wert como reclamaba a moción do BNG

A deputada, Carme Adán lamentou a oposición do  Partido popular a aceptar a moción nacionalista contra un Decreto que invade as competencias galegas en materia educativa

Santiago de Compostela, 8 de maio  , 2012.-Pleno. A portavoz de Educación do BNG, Carme Adán defendeu, hoxe na Cámara galega, unha moción pola que instaba ao Goberno galego a non aplicar o Decreto de Educación aprobado polo Goberno do Estado e  presentar  ante o Tribunal Constitucional un recurso contra o mesmo.

Adán lamentou que o Partido popular rexeitara a moción nacionalista destinada a rectificar unha decisión que, ao seu xuízo, “invade as competencias galegas” en materia educativa.

Política ficción do PP

A deputada, que cualificou de “política ficción” a intervención do portavoz do PP, Román Rodríguez,  asegurou que a invasión de competencias, “nunca favorecen o autogoberno” como previamente defendera o portavoz popular, “reducir o profesorado, aumentar as taxas universitarias ou diminuír as bolsas” diminúe a calidade educativa, afirmou.
Adán reiterou que, “investir en educación nunca é  despilfarrar” e acusou ao PP de ter “triplicado a débeda reducindo 400  millóns en educación” e desprezar á “comunidade educativa”.

Ensino privado

Na súa intervención, a parlamentaria salientou que, “o ensino privado goza do compromiso do Partido popular” e explicou que  mentres o ensino público, en tres anos soportou un recorte do 16%, no privado foi só do 6%, estes datos evidencian que, “o peso dos recortes foi asumido polos centros públicos galegos”, afirmou.

A parlamentaria tamén aludiu a redución do capitulo primeiro, “o máis baixo de toda a historia da autonomía” e negou que se produciran “axustes”, porque en realidade  foron “grandes recortes”.

A nacionalista tamén reclamou que o PP recorrera un decreto que incluso “regula a substitución do profesorado, a xornada lectiva e o peso que deben asumir as universidades polo gasto do alumnado”.

Galiza ten transferidas as competencias en educación e para a portavoz de educación nacionalista, o Ministro Wert inicia unha senda de “recentralización” moi negativa. A parlamentaria concluíu afirmando que  o PP  debe recapacitar e non apoiar un Decreto contrario ao ensino público galego.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]