O BNG fixa como obxectivo na Eurocamára que Galiza reciba 3.500 millóns de euros de Fondos comunitarios
Santiago de Compostela, 30 abril 2012 .- O Parlamento Europeo terá aprobada a distribución dos Fondos Comunitarios antes de finalizar o ano e, coa actual proposta presentada na Eurocámara pola Comisión Europea, Galiza vería reducida de 5.700 a 1.150 millóns de euros os recursos que lle correspondería como fondos estruturais e de cohesión para o período 2014-2020, unha cifra que o BNG considera “inaceptable e inasumible”, e establece como obxectivo que Galiza reciba 2/3 dos fondos asignados na actualidade, o que implica 3.500 millóns de euros.
A eurodeputada, Ana Miranda, e a portavoz do Parlamento galego, Ana Pontón, lamentaron a “inactividade” da Xunta nunha cuestión “vital” para o país e explicaron, ante os medios de comunicación, as iniciativas que o BNG presentará en ambas cámaras para que Galiza sega a manter unha parte substancial destes recursos.
Neste sentido, a aeurodeputada do o BNG explicou as emendas ao documento da Comisión Europea, que agora inicia a súa tramitación na Eurocámara.
Empezando polo articulado que establece a distribución do financiamento, para que recolla “con absoluta claridade” que “os territorios que saian por primeira vez da categoría de Rexións menos favorecidas segan a percibir alomenos 2/3 da asignación que perciben no período actual 2007-2013”. Neste momento, Galiza “non encaixa nin na nova categoría de Rexión en Transición, ao superar o 90% de media do PIB da UE dos 27, nin encaixa tampouco no concepto de rede de seguridade ou aterraxe suave, porque non cumpre os requisitos establecidos na proposta da Comisión Europea para ampararse nesa vía”, explicou Miranda.
O BNG tamén reclamará con emendas a xestión “integra” do 100% dos fondos comunitarios que lle correspondan a Galiza, “igual que xa fan territorios como Gales, Escocia ou Flandes”, indicou a eurodeputada. “Agora o Estado español se apropia do 50% dos fondos que nos corresponden, porcentaxe que sube ao 80% no caso do Fondo Social Europeo”. “Galiza debe decidir o destino deses recursos en función das necesidades do país, para evitar que cos nosos fondos se financien obras como a T4”, alegou Ana Pontón.
Igualmente, a formación nacionalista reclamará unha “aplicación flexible” dos obxectivos nos que podemos investir os fondos comunitarios. Ao figurar como rexión rica “só é posible investir en 3 obxectivos”, e o BNG solicita que o noso país poda destinar eses recursos entre un abano máis amplo de temas, como a creación de emprego, investimento medioambiental, transporte e de cohesión social. “As nosas necesidades non son as de Baviera, por máis que pasemos a estar na mesma categoría, como din as estatísticas”, sinala Miranda.
Investimento urbano
Miranda afirmou que o BNG presentará emendas para que sexa o Parlamento Galego quen decida que cidades ou áreas urbanas recibirán o 5% do FEDER, corrixindo a actual proposta da Comisión Europea que establece que esa porcentaxe se destine a 20 cidades concretas por cada Estado, elixidas polo Goberno central.
Ademais, a cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal debe volver a ser xestionada directamente pola Xunta, tal e como se fixo ata 2006, e que se inclúan novos criterios para a distribución dos fondos comunitarios, máis aló do nivel de renda, como por exemplo a taxa de desemprego e os condicionantes demográficos.
“Queremos garantías de cal vai ser a cantidade real de fondos comunitarios que lle corresponderá a Galiza para o período 2014-2020, polo que presentaremos iniciativas de control e impulso tamén na Cámara galega posto que, a diferenza do que pregoa a Xunta, o escenario de 2/3 non está nin moito menos asegurado, e queremos que Galiza controle o 100% deses recursos”, salientou a portavoz parlamentar Ana Pontón.